A Xuntanza

15-Novembro -2006

REUNIÓN NA ALCALDÍA

Arquivado en: A Xuntanza — Administrador @ 6:17 pm

O pasado luns tivo lugar no Concello unha reunión entre a A.V. A Xuntanza e o alcalde e algúns membros da corporación para pasar revista aos problemas máis importantes do barrio e revisar os compromisos da reunión anterior (no 2005). Entre os diversos temas tratados, os máis relevantes son:

  • Plano de mobilidade: é unha antiga reivindicación desta asociación, que ven reclamando un estudio conxunto do tráfico, transporte público e aparcamentos no barrio desde fai máis de 5 anos. É preciso ordenar a convivencia de coches e persoas, compaxinar as necesidades da veciñanza coas da cidade e buscar solucións para todos que teñan en conta a estrutura urbanística do barrio de San Pedro e a pertenza de moitas das súas rúas á zona de protección do Plan Especial e ao Camiño de Santiago.
  • A resposta do equipo de goberno foi que se procurará, nos meses próximos, levalo a cabo. Elaborarase un estudo imparcial sobre a cuestión para buscar a mellor solución á problemática existente.

  • Obras pendentes nas rúas Home Santo e Betanzos: Na reunión mantida no ano 2005, o compromiso municipal foi levar a cabo unha remodelación completa de ditas rúas. En xaneiro de 2006, había xa un borrador de proxecto que o Concello e o Consorcio -encargado da execución- se comprometeron a explicar á veciñanza cando estivera rematado.
  • A resposta recibida foi que o proxecto presentado presentaba certas deficiencias que se están a subsanar. Está prevista a súa execución no ano 2007. O Sr. Rama -concelleiro de infraestruturas- comprometeuse novamente a vir ao barrio a explicar o proxecto.

  • Rehabilitación da zona de Quiroga Palacios e Home Santo/Betanzos: xa a finais do 2005 solicitárase ao concello que incluíse estas rúas, con edificios construídos nos anos 50, 60 e 70, nun plan específico de rehabilitación; para mellorar a súa estética e illamento térmico, instalar ascensores, etc. buscando sobre todo mellorar as condicións de vida da veciñanza de maior idade.
  • Os representantes do grupo municipal amosáronse receptivos á proposta; podería delimitarse nesta zona unha nova área de rehabilitación integral, que sería a 3, tras Vista Alegre e o Grupo Quiroga Palacios. Até entón, lémbranos a Sra. Rosón que existen axudas para este tipo de proxectos.

  • Próxima remodelación da Rúa Valle Inclán: está previsto que comece nos próximos meses e aínda non sabemos en que vai consistir nin cómo se vai ordenar o tráfico durante o tempo que duren as obras.
  • Comezarán despois do Nadal e levarán consigo unha total renovación dos servizos existentes engadiranse outros (fibra óptica, gas). A Sra. Rosón -concelleira delegada do Plan Especial- e o Sr. Rama, comprometeronse a informarnos sobre as remodelacións do tráfico durante e despois das obras.

  • Remodelación das rúas Calzada de San Pedro e Belvís: estaba comprometida a súa execución para o 2007, segundo se nos informou na reunión anterior.
  • Os estudos necesarios non se farán até o ano que ven asi que as obras serán no 2008.

  • Cumprimento do PXOM na Rúa de Triacastela: o PXOM aínda vixente, destinaba o baldío que hai nesta rúa a equipamento comunitario. Neste aspecto, o PXOM non foi exectudado até agora.
  • Está aprobado o expediente de expropiación e reservada a correspondente partida orzamentaria.

  • O Parque de Belvís: de todo o relativo a este proxecto esta asociación non ten nin tivo máis noticia que o que publican os medios. Está sen rematar e aínda non se deu solución á petición de construir aqui o campo de futbol. Non sabemos que usos van ter os edificios que hai no parque nin porque motivo segue habendo verquidos de augas residuais no regato.
  • Din que efectivamente o remate vai lento e que o asunto das augas está solucionado. Na antiga curtidoría habilitaráse un centro de interpretación ambiental; están valorando a apertura dun paso peonil desde a Praza do Matadoiro. Construiráse un aparcamento soterrado e, enriba del, haberá un campo de futbol como o de agora.

  • Transmitíuse aos concelleiros a nosa disconformidade con certas actuacións do departamento de tráfico xa que se fixeron sen consultar coa veciñanza, sen ter en conta como afectarán ao resto do barrio e sen levar a cabo antes un estudo do tráfico e a mobilidade na zona. Estas actuacións son especialmente graves no referentes ás Rúas de San Pedro e do Medio, convertidas agora en zonas de aparcamento para quen traballa no Casco Histórico.
  • O Equipo de goberno municipal móstrase receptivo á nosa proposta de establecer nesas rúas unha zona verde que, a diferencia da azul da ORA, é de aparcamento para á veciñanza.

  • Tratouse tamén das obras e reparos menores necesarios (árbores, sinalización, saneamento nas Fraguas, limpeza de malezas, papeleiras…). Como non, da necesidade de reparar o pavimento da Rúa de San Pedro.

A acollida das nosas propostas foi receptiva e quedaron algúns asuntos menores pendentes de comprobacións e conversas posteriores. Especialmente preocupante nos parece todo o que ten que ver co tráfico xa que é percibido pola veciñanza como o problema máis importante. Como até agora insistiremos na elaboración dun estudo e plan que nos sirva para darlle solución, antes de que se poñan en marcha actuacións como a ORA en Fontiñas, a Cidade da Cultura e o Centro Comercial das Cancelas.

6-Novembro -2006

ASTRONOMÍA NA BEIRARRÚA

Arquivado en: A Xuntanza, O Barrio — Administrador @ 9:19 am

O programa “Astronomía na beirarrúa visitará novamente o barrio de San Pedro nos próximos días. Se o tempo o permite o próximo mércores 8 ou o xoves 9 instalarán os seus aparellos na Rúa de San Pedro aló polas 9 da noite.
Dentro das actividades da Semana da Ciencia os telescopios chegarán outra vez ao barrio dando unha nova oportunidade aos afeccionados á astronomía e ao público en xeral de explorar a lúa, as estrelas e as curiosidades do espazo.

Xestionado con WordPress