A última idea do Concello para revitalizar a Praza é crear aparcamentos de apoio en zonas cercanas. Unha das rúas afectadas por esta nova ordenación do tráfico será a Rúa do Medio, onde o Concello pretende establecer unha zona de Aparcamento regulado con ORA. Ante a crecente preocupación da veciñanza desa rúa e das adxacentes, A Xuntanza, entregou no Concello un escrito no que quer deixar clara a súa oposición a esta medida, lembrando o Sr. Alcalde e ao Concelleiro de Tráfico o seu compromiso de manter a rúa tal e como está, xa que non é posible -segundo afirman eles- crear nela unha zona de aparcamento exclusivo para residentes. Lembramoslle tamén a carencia de aparcamentos en todo o barrio e, moi especialmente, nas zonas acollidas ao Plan Especial da Cidade de Santiago, onde o interés cultural e histórico dos edificios e do subsolo impiden a construción de aparcamentos soterrados, asi como a obrigación que o Concello ten de proporcionar á veciñanza afectada polo Plan Especial dos mesmos servizos e comodidades das que disfrutan noutras zonas da cidade.
Finalmente, a Xuntanza insiste unha vez máis para que o Concello implemente unha comisión específica formada por técnicos e veciñanza que dea unha solución integral e definitiva ós problemas de tráfico e mobilidade no barrio de San Pedro.