05. Maio 2016 · Comentarios desactivados en O 21 de maio, Mercado do Caracol · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Trae a túa casa ás costas ao Mercado do Caracol

Pensamos que estes tempos complicados son perfectos para simplificar as nosas vidas, para interiorizar a práctica dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para ser máis solidari@s.

Lembras esa cafeteira en perfecto estado que esmorece nun armario da túa casa? Esa lámpada que realmente nunca conseguiches encaixar na túa sala? E aqueles patíns tan lindos? A bici estatica-percheiro?… Fai inventario, simplifica a túa vida e trae contigo todas esas cousas pois aqui poderás vendelas, trocalas ou mesmo regalalas.

Soñas con renovar a túa mesiña de noite cunha lámpada resultona e eficiente? Gustaríache equipar mellor a túa cociña? Tes grandes proxectos para este curso e precisas accesorios deportivos?… Este é a túa oportunidade.

Que algunha das túas trapalladas é grande? Trae a unha foto e poderás atopar quen o necesite.

Buscas… pero non sabes moi ben que? Leva a túa lista, porque nas nosas casas hai moitas cousas durmindo polas esquinas que mellor estarían noutro fogar.

 … e aínda poderás redescubrir unha zona do barrio e os seus establecementos comerciais. É o día perfecto para facer compras nos negocios desta rúa ou para tomar un bó almorzo

 A cita é o sábado 21 de maio na Rúa do Home Santo, das 11 ás 14h.

 Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións

26. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Quen poda dicir que é de San Pedro de sempre, que levante a man · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Hai alguén?
Pois vai resultar que estás un pouco errad@.
Vivimos nun sitio que naceu como cidade no momento exacto en que armaron o asunto do Apóstolo así que, non, ti non es do barrio de toda a vida porque, simplemente, aquí non sempre houbo vida e ademais, non había ninguén. O mesmísimo Cristovo Francés -o eremita que fundou a capela da Angustia aló polo século XV- era, como o seu nome indica, de orixe gala.

Se observamos os planos antigos -coma este que achegamos de 1796- é aínda máis evidente: o barrio e as nosas rúas foron conformándose co paso do tempo, a medida que as xentes foron chegando doutras zonas da cidade, doutros pobos, doutras terras. É así como medrou o barrio en tempos remotos e medievais pero tamén hai 40 anos, cando as nosas persoas maiores chegaron do Pino, Arzúa ou Melide e tomamos aire de cidade, ou hoxe, cando a xente máis nova chega de todos os recantos do mundo.

Non foi en van que nos chamaron, noutro tempo, Os Estados Unidos. Somos o resultado dunha fusión, da mestura de xentes de diferente orixe: mulleres e homes, rural e urbano, da contorna ou de terras afastadas. O que uniu ás persoas que viviron aquí antes que nós – e o que nos une hoxe – é outra cousa, non é un pasado común senón o desexo de construír un futuro. Será porque vivimos na fronteira ou porque somos como o socalco -conformado por capas que se van pousando-, que somos un tanto cosmopolitas, tendentes á autoxestión, algo descreid@s, ás veces brav@s, cun forte sentimento identitario e dad@s a mirar cara adiante e non cara atrás. Igual nesta mestura está a explicación de todo.
O que nos dá forma, mentres vivimos neste barrio, é o desexo de pertencer a esta comunidade, nada máis.
Isto ven ao fío do que será o eixe central da Feira da Primavera deste ano: a sensibilización sobre unha acollida cálida e xenerosa a quen busca unha vida mellor fuxindo da guerra, da fame e da opresión ou de quen simplemente necesita cambiar de aires para reconstruír o seu proxecto de vida.

Somos un barrio aberto e, como tal, honrando a memoria de quen viviron aquí antes ca nós, acolleremos a quen queira vir e construír o seu futuro entre nós. Así, tamén, faremos barrio.

 

21. Abril 2016 · Comentarios desactivados en O Concepto Ecovaso · Categories: Actividades, O Barrio

O enorme esforzo organizativo que supón a Feira da Primavera ou as Festas ten unha finalidade específica: fortalecer a nosa pequena comunidade no social, no económico e no cultural para poder afrontar con certas garantías os retos do presente e o futuro.

Queremos un barrio no que se poda envellecer con comodidade, capaz de atraer xente nova que veña a vivir e a traballar, cun comercio próximo e forte, cun patrimonio recoñecido e respectado e unha vida social e cultural viva e alegre.
Non cabe dúbida que os nosos grandes eventos son un puntal fundamental na busca destes propósitos pero tamén é certo que poden converterse nunha importante ameaza.

Por isto hai que pensar nunha Feira e Festas que sexan sustentables a todos os niveis.

Por iso tanto nós, como a Comisión como cada un dos veciños e veciñas temos que pensar tamén no impacto ambiental, entendendo “ambiental” na súa concepción máis ampla.
É nesa clave que se pensa a programación (para todos e todas, con horarios e lugares axeitados) ou se organiza a colocación dos postos (a seguridade primeiro).

Todos e todas contribuímos a sostibilidade das festas cando usamos as papeleiras e baldes para lixo, cando usamos os WCs portátiles que se instalan (e que costan unha pasta), cando moderamos os gritos e cantos nas horas nocturnas (os sons inapropiados chámanse ruidos), cando traemos unha bolsa para gardar as compras que faremos, cando compramos neses días e calquera outro día cousas que non veñen do outro lado do mundo, cando somos amables coa xente que atende postos, negocios e as cantinas… porque sostibilidade significa facer posible que a feira ou a festa poda volver a celebrarse; porque o “ambiente” non é só cousa de prados, montes, ríos e outras cousas ecolóxicas senón tamén as rúas e o “ambiente” social que compartimos.
Máis que nunca, nesas datas hai que exercer aquelo que antes se chamaba “urbanidade”; se a feira ou a festa molesta porque hai mexadas nos portais, cristais rotos nas rúas, plásticos por todas partes, medo a vir con cativs ou persoas maiores ou rollos chungos… o equilibrio sustentable crébase e os obxectivos que buscamos tamén.

E logo tamén está a sostibilidade “clásica”, que aínda que pareza dificil de implementar nestas datas non o é tanto:

  • Adeus plásticos de usar e tirar:  ecovaso=vaso que poda ser reutilizado. Podes compralo aquí, traer o doutros anos ou mesmo baixar da casa unha peza da túa lustrosa vaixela. Trátase de reducir o consumo de plástico e a presenza de cristais rotos na rúa; a nosa experiencia demostra non só que é necesario senón tamén que é posible. O lixo deste tipo descendeu arredor dun 80% desde que comezamos a usalos, asi que trae ou compra o teu vaso e pide a túa consumición nel na cantina e nos bares. Doado!
  • Usas os WCs portátiles, para que os sumidoiros non se enchan con líquidos e produtos varios que contaminan se non son axeitadamente tratados.
  • Usas as papeleiras, contedores…
  • Ves no teu coche e logo non atopas onde aparcar e xa chegas ao barrio con certo mal rollo? hai buses, opcións de coche compartido ou taxi. Se ves de lonxe, aproveita o bono de RENFE (que ademais poderás usar toda a semana).

Que fan os organizadores neste sentido? Nós tamén, como coorganizadores da Feira:

  • vimos a pé (que é, ademais, sanísimo)
  • programamos actividades e horarios para todos os públicos: para que todo o mundo estea contento e non haxa balbordo a altas horas da noite
  • organizamos a feira de xeito que haxa unha circulación fluída de persoas e non se formen, na medida do posible, aglomeracións.
  • instalar colectores de lixo
  • instalar Wcs públicos (na entrada da rúa do Medio pola Pza 8 de marzo e ao fondo da pza do Cruceiro)
  • usar nas cantinas embalaxes reciclables; separación de lixo
  • preferir o producido ou vendido no barrio en toda a cadea de subministración
  • promover o uso do ecovaso (único admitido nas cantinas da comisión e en moitos negocios, búscaos)
  • reducir en toda a organización e difusión o consumo de papel

E tí que vas facer? Sabes iso de pensa en global e actúa en local

13. Marzo 2016 · Comentarios desactivados en O Barrio é a nosa segunda casa: non o fagas, non o consintas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Ao longo desta noite alguén destruíu boa parte do traballo que As da Aghulla instalaron na escaleira da Carricova. Non temos palabras para transmitirvos a súa desolación e non temos cara suficiente para soportar a vergoña propia e allea que agora mesmo sentimos e que sabemos que sentirá moita xente ao pasar hoxe por alí.

Si, xa sabemos que estes feitos son cousa dunhas poucas persoas pero pensamos que é necesario facer unha reflexión colectiva sobre isto e sobre o que cada quen de nós fai. Entendemos que o barrio (e a cidade) son a nosa segunda casa; as nosas rúas e prazas son como unha extensión dos nosos salóns e cociñas pois alí vivimos, alí xogamos, falamos, facemos amizades e construímos as nosas vidas e afectos.

Que di de nós, como persoas e como comunidade, un suceso como este?

Que non nos respectamos o suficiente como persoas e como barrio; que moito falamos de vivir no mellor barrio do mundo pero que no fondo tanto nos ten que sexa un estercoleiro; que nos queixamos das persoas que rouban o que é de todos e todas, sen entender que o respecto ao común comeza polo respecto aos espazos que compartimos pois estragalos supón o custe de arranxalos; que tanto nos ten que as nosas rúas se transformen nun barrio como tantos, anodino e aburrido.

E iso o que somos? o que queremos para o barrio? Pensade nisto cando vedes a alguén tirando un papel nunha xardiñeira, roubando unha planta, mexando nunha esquina, deixando atrás os excrementos da súa mascota ou aparcando nunha beirarrúa.

Se non somos quen de protexer e facer respectar o que é de todos e todas, como pretendemos que os demais nos respecten? con que argumento pedimos a outros, por exemplo, ao concello que pague dos cartos de todos e todas o que nós non somos quen de protexer?

Ademáis, esta instalación da Carricova era unha homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, veciñas desta rúa, que aquí mesmo sufriron a opresión dun réxime autoritario que trouxo unha guerra e moita dor e destrución. Que clase de xente somos que non somos quen de acariñar a memoria de quen sufriu polas liberdades que hoxe gozamos? E así como honramos o legado das persoas que viviron no barrio antes ca nós?

Non somos asi. E ti?

Uns datos para rematar esta reflexión:

25 persoas traballaron durante 2 meses para preparar unha instalación de ganchillo; outras tantas traballaron o venres e o sábado para facer a instalación. Foi no seu tempo libre e sen retribución; puxeron o seu tempo e o seu diñeiro, si, pois A Xuntanza non ten cartos para axudalas e só se recibiu unha pequena axuda que non cubriu o 100% do custe dos fíos, táboas, arames e outros materiais.

Neste barrio as cousas son así, hai moita xente que desinteresadamente achega o seu tempo, cartos, saber… polo ben común. É o seu esforzo xeneroso o que permite o traballo das Aghullas, a Feira da Primavera, a Cacharela ou esas festas que tanto vos gustan. Hai tamén unha pequena minoría que non sabe ben vivir en comunidade e destrúe o traballo dos demáis, mexa na porta dunha casa ou rouba as plantas; son xente nova pero tamén maiores e cada quen debería reflexionar e asumir a parte de culpa que lle corresponde, por facelo, por non prevelo ou por consentilo.

É evidente que hai quen non ve que vivir no barrio máis bonito do mundo ten un prezo: respetalo,coidalo e acariñalo.

 

 

 

16. Febreiro 2016 · Comentarios desactivados en Curso de teléfono mobil para maiores · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Tes unha certa idade e tes inseguridade no manexo do teu teléfono mobil?

Xa tes unha certa destreza pero quererías mellorar?

Achegate ao curso que haberá o día 24 da man das Aulas da Terceira Idade e da Fundación Vodafone España.

Será o mércores 24 deste mes, de 6 a 7.30 da tarde, no noso local.

Aproveita esta oportunidade e trae contigo ás amigas e amigos que vexas que poden aproveitar. Non hai que anotarse.

03. Novembro 2015 · Comentarios desactivados en ACTIVIDADES DO CURSO 2015-16 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

E aquí está un ano máis o noso programa de actividades para o curso. Como veredes, manteñense moitas actividades e horarios para permitir a permanencia dos grupos.


Antes de seguir lendo, algunhas cousas importantes:

  • Os grupos comezan o 1 de outubro
  • A matrícula será do 23 ao 30 de setembro (nos días laborables) de 19 a 21h
  • É obrigado matricularse.
  • As actividades son abertas a todas as persoas, se ben as non socias farán unha achega de inscrición de 10 €
  • A inscrición é gratuíta para os socios e socias ao día nas súas cotas (podedes pagalas ao facer a inscrición).
  • Como o noso local segue sen reincorporarse á Rede Municipal de Centros Socioculturais, mantense a achega de 2€ para axuda dos gastos do local.

E este é o programa

1.- BAILE GALEGO: Martes de 20:00 a 21:00 horas* (Iniciación)/ de 21:00 a 22:00 horas* / de 22:00 a 23:00 horas*

Monitor@: Felisa Segade *Prezo a repartir entre cada grupo.

2.- CANTO: Mércores de 10:30 a 11:30 e de 13:00 a 14:00h; Venres de 16:00 a 18:00 horas. Clases individuais.

Monitor@: Paulina Ceremuzynska.

3.- CERÁMICA: Mércores de 19:00 a 20:30 horas – 27 €/mes.

Monitor@: Juana

4.- CROCHET:(ganchillo) Mércores de 20:30 a 22:00 horas – 27 €/mes.

Monitor@: Juana

5.- CORTE E CONFECCIÓN / Arranxos de roupa:Martes 18:00 a 20:00 horas.

Monitor@: Susa Garcia Xoves 18:00 a 20:00 horas – 27 €/mes.

6.- GAITA: Xoves de 20:30 a 22:30 horas – 18 €/mes.

Monitor@: Marcos Varela

7.-KIGONG: Luns de 17:00 a 18:00 horas e Venres de 9:00 a 10:00 horas – 11€/mes.

Monitor@: Maite

8.- IOGA: Luns de 19:00 a 20:30 horas – 17 €/mes.

Monitor@: Maite

9.- PILATES:Luns e Mércores de 9:00 a 10:00 horas, e de 18:00 a 19:00 horas – 22 €/mes.

Monitor@: Maite Sábados de 9:00 a 10.00 horas – 10 €/mes.

10.- LINGUA DE SIGNOS: (Básico-I) Xoves de 17:30 a 19:00 horas.

Monitor@: Galensigna (Básico-II) Xoves de 20:00 a 21:30 horas – 20€/mês.

11.- PANDEIRETA E CANTO: Venres de 18:00 a 19h (Nivel I), de 19:00 a 20:00 horas (Nivel II),

Monitor@: Jara de 20:00 a 21:00 horas (Nível III) – 28 €/mes. (Esta actividade empezase 9 de outubro).

12.- TEATRO:Luns de 21:00 a 23:00 horas – 18 €/mes.

Monitor@: Beatriz Bravo

13.- COIRO (Iniciación): Luns de 20:00 a 21:30h– 30 €/mes.

Monitor@: Fer

 14.-Tamboril – Percusion tradicional:Martes de 20:00 a 21:00 horas (Iniciación); 21:00 a 22:00 horas (Perfeccionamento)

Monitor@: Arantxa 25 €/mes. Esta actividade, impartirase no Centro Sociocultural da Trisca.

.15.- REQUINTA: Venres de 20:30 a 22:00 horas – 20 €/mes.

Monitor@: David

 16.- TEATRO / Monográfico:Sábados (un ao mes)de 10:00 a 14:30 horas – Prezo a repartir entre o grupo.

Monitor@: Nekane

17.-TECNICAS DE BORDADO: Venres de 16:30 a 18:00 horas – 25 €/mes.

Monitor@: Mª Carmen

 18.- DANZA ORIENTAL: Venres de 21:00 a 22 horas – 20 €/mes.

Monitor@: Dajira

19.- MEDITACIÓN: Xoves de 19 a 20:30 horas

Monitor@: Zinnia

 

13. Outubro 2015 · Comentarios desactivados en Sábado 24, Mercado do Caracol · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Xa en pleno outono, é hora de facer inventario de todo o que temos en bo uso pero que nos sobra ou a lista daquelo que poderíamos comprar se o atoparamos a bo prezo. Temos xa á vista un novo Mercado do Caracol.

Xa sabedes en que consiste: convidamosvos a traer todas esas cousas e a vendelas, regalalas ou cambealas; traede cartos no peto porque haberá boas gangas; aproveitade para visitar os establecementos comerciais da rúa do Home Santo.

 A cita é o sábado 24 de outubro, de 12 a 14h. Sí, mudamos un pouco o horario para non ter que madrugar tanto asi que a caracolada pode comezar a armar o posto a partir das 11h.

Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións e mandanos un email a axuntanza01@gmail.com pero OLLO: anotate antes do xoves 22 ás 22h e lembra que é un mercado de barrio, non admitimos nin artesáns nin negocios que non sexan da rúa.

Atención: Se o prognostico meteoróloxico é de choiva, a actividade será cancelada.Estade atentos/as á web ou Redes Sociais.

23. Setembro 2015 · Comentarios desactivados en 3 de outubro: Un barrio en forma. Xornada de deporte na rúa · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

cartaz do barrio en forma

Hai quen di que hai que facer exercicio e estar en forma. Pero, que é estar en forma?
Ao cabo, redonda é unha forma, e cadrada; e é que mesmo cousas como os macarróns teñen unha certa forma (si, acaracolada). Si, estamos en forma redonda, triangular e mesmo en forma atlética.
Reflexionando sobre estes conceptos e por petición popular decidimos deseñar unha xornada para, como barrio, descubrir este concepto de “estar en forma” (sexa a que sexa).
Será o sábado 3 de outubro de 10 a 14h.

  • Onde?

Na rúa, que é onde facemos todas as cousas importantes neste barrio. Neste caso, na Rúa do Home Santo, que será peonil e estará despexada de coches.

  • Que faremos?

Investigaremos en común que é iso de “estar en forma” cun amplo programa de actividades aberto á toda a veciñanza. Poderemos practicar as nosas disciplinas favoritas ou probar cousas novas; desde logo, botaremos unhas risas e moveremos o esquelete, cada quen segundo as súas ganas e capacidade. Hai un completo programa, con moito para elixir

  • Concretamente?

Haberá ioga, baloncesto, brilé, volei, xogos tradicionais, pilates… mesmo esgrima ou danza oriental. Todo en pequenas dosis de 45 min.

  • Hai que anotarse?

Non, abonda con presentarse, preferentemente con roupa axeitada. Trae compañía, o exercicio en grupo é máis divertido.

Lembrade, sábado 3  a partir das 10h na rúa do Home Santo. Quen dixo medo?

25. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en SÁBADO 27 DE XUÑO, ESPAZO CIDADÁN NAS FESTAS DO BARRIO DE SAN PEDRO · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

O Espazo Cidadán é un foro aberto que terá lugar ao longo do sábado 27. É o espazo dedicado dentro das Festas do Barrio de San Pedro a aprender e a repensar o mundo en que vivimos e como podemos transformar colectivamente a nosa realidade. Como o ano pasado, este evento é organizado conxuntamente pola AC do Barrio de San Pedro (AKA Comisión de Festas) e a AV A Xuntanza.

Estrutúrase en 3 bloques: feira de entidades asociativas, mesas redondas temáticas e momentos nos que os micrófonos estarán abertos a aquelas entidades e persoas que queiran proxectar ás súas iniciativas.

Na feira e micros abertos participarán máis dunha ducia de entidades tanto do barrio como doutras zonas da cidade; son de vocación social, cívica e mesmo artística.


As mesas redondas debullarán 3 temas de relevancia para o barrio e a cidade como comunidades en desenvolvemento e propoñense máis como conversas abertas co público que como debates académicos. Tal e como sucedeu o ano pasado, búscase unha aprendizaxe e reflexión colectiva que resulte dinámica e participativa.

O Espazo estará instalado na Praza 8 de Marzo e funcionará das 10 ata as 21h, co seguinte programa:

  • 12-13.30h. Mesa 1: Participación Cidadá. Artellando o común
    • Martiño Noriega (Concello), Agustín Pena (AV Raigame), Rosa Muñiz (Cidadanía)
  • 17-18.30h: Mesa 2: Que fai unha moza coma tí nun lugar coma este? Mulleres no heteropatriarcado
    • Sonia Méndez (directora de cine), Patty Castro (música e impulsora do proxecto Mulleres Kañeras Galegas) e Leticia Jorge (xerenta de AESGAL)
  • 18.30-19h: Micros abertos
  • 19-20.30h: Mesa 3: Rar@s somos tod@s. Vidas Independentes
    • Paula Fernández Suárez (Down Compostela), Anxela López (Foro de Vida Independente), Laura Bugallo (activista), Marisa López (ASPANAES), Rebeca Raso (activista)
  •  20.30-21h: Micros abertos

Haberá unha actividade previa, ás 10h que busca dinamizar o emprendemento no Barrio de San Pedro e crear un pequeño espazo no que emprendedores (presentes e futuros) podan coñecerse e intercambiar experiencias. O obradoiro Emprender no barrio de San Pedro. Emocións e resultados, realizase en colaboración coa Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo dentro das actividades do programa Santiago Urbana Norte.

18. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en Plans para xullo: obradoiro de arranxo de roupa · Categories: A Xuntanza, Actividades

Sabes subir o baixo dun pantalón? arranxar unha cremalleira? facer ese miniretoque que deixará esa prenda tan querida como nova?

Agora tes a oportunidade de mellorar as túas habilidades neste campo; todos os xoves de xullo, de 18 a 20h teremos un obradoiro para aprender a facer os arranxos básicos na nosa roupa.

Podes anotarte enviandonos un email a info@axuntanza.org ou ben chamando ao 660267887 (Susa).

 

Temos tamén outros plans para o verán pois manteránse os grupos de pilates (luns e mércores de 9 a 10 e de 18 a 19h) e é ben posible que haxa algunha outra sorpresa. Prestade atención ás nosas comunicacións en redes sociais.