12. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en Día do Barrio 2015, algúns problemas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

A solicitude de autorización para a celebración dalgunhas das actividades do Día do Barrio xa ten resposta. É negativa -é dicir non podemos facer– as seguintes:

  • instalación da mostra de Urban knitting (si, isto da foto)
  • pintado con tiza ou pintura perecedoira de xogos para viandantes nas prazas
  • pintado con tiza ou pintura perecedoira de xogos e divertimentos para cativ@s nas beirarrúas de Quiroga Palacios (esas que se van reformar xa)

Denegaronse tamén outras dúas actividades máis inocuas:

  • instalación na zona da Churrería dun sinal  de cartón que advertise aos ciclistas que se baixan por San Pedro, terán que facelo a pe. Hai anos que pedimos un sinal oficial e esta intervención era unha forma de seguir reclamando e sensibilizar sobre o asunto.
  • Repintado das varandas dos patíns da Costa do Vedor, para mellorar o aspecto da rúa. É o terceiro ano que queríamos intentar isto (temos a pintura comprada daquela, o permiso da veciñanza)

Todas estas actividades foron autorizadas en anos anteriores sen que houbese problema algún.

O Día do Barrio ao contrario do que pensa moita xente, non é un día de festa, senón unha xornada na que todos e todas facemos algo para que o noso barrio sexa un lugar mellor no que vivir; traballo comunitario, espírito construtivo e construción social na súa mellor expresión. É unha actividade de fondo contido educativo e social: implicar á veciñanza no respecto e coidado dos nosos espazos públicos e na solidariedade coas personas que viven canda nós e teñen dificultades.

Entendemos, e esa é a idea chave promotora da actividade, que todos e todas temos que ter unha actitude proactiva a respecto do barrio e a súa xente e que nin é bo nin conveniente agardar cos brazos cruzados a que alguén solucione os nosos problemas. Nós somos a primeira pedra da construción dun barrio diferente e mellor para todos e todas.

Así as cousas, queremos expresar o noso fondo malestar e, unha vez máis, o noso rexeitamento á forma en que desde o Concello se colabora con este tipo de iniciativas. Pois non entendemos:

  • o cambio nos criterios de autorización
  • a falta de comprensión e apoio a esta actividade e a súa filosofía, que é de apoio ao traballo da administración
  • que a condición para a celebración dos distintos traballos sexa que ao acabar a actividade todo teña que quedar como estaba (?)
  • que o concello “autorice” a recollida de alimentos e material escolar, pois dado que este non é un estado policial o que se faga nos comercios (dentro dunhas marxes) non é competencia do concello

É evidente que non leron a memoria adxunta á petición que explicaba a filosofía do proxecto, as características das actividades e os obxectivos. Ou leron pero non entenderon, vai ti a saber!

En fin, mañá faremos o que se poida. Vemonos ás 10 na Cruz de San Pedro.

 

Aqui tendes o permiso, por se queredes botar unha ollada.

Nota: os gastos derivados desta actividade son a cargo da AV A Xuntanza e a veciñanza (plantas, lá para o ganchillo…) Custe para o Concello= 0€.

 

10. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en Día do Barrio: o programa · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio, Uncategorized

Este será o programa para esta xornada de traballo comunitario:

  • Obradoiro express de Lingua de Signos (coa colaboración de Galensigna) ás 12 na Cruz de San Pedro.
  • Instalar nos arredores da escaleira da Carricova o xardín das mulleres
  • Recollida de alimentos para o Banco de Alimentos
  • Instalación da mostra de Urban knitting
  • Art Attack de sensibilización sobre a redución da velocidade do tráfico nalgunhas rúas.
  • Recollida material escolar (a prol de colexios do barrio)
  • Posta en marcha no barrio da iniciativa dos “cafés pendentes
  • Bancos lectores (algo así): Pza 8 de marzo, Rúa de San Pedro, Pza da Angustia
  • Inventario e diagnose das árbores do barrio

Agardamosvos, a partir das 10h, na Cruz de San Pedro

05. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en 13 de xuño, día do barrio · Categories: A Xuntanza, O Barrio

O Día do Barrio é unha xornada especial.

Ese día

  • aprenderemos a compartir e coidar os nosos espazos públicos
  • colaboraremos para mellorar o aspecto das nosas rúas e recunchos
  • e, como  non podía ser menos, pasaremos un bo rato cos nosos veciños e veciñas.

Por que?, porque:

  • O barrio é a nosa casa e nós temos que ser os primeiros en coidalo, no día do barrio e nos outros días do ano; non queremos suplantar aos servizos municipais.
  • Porque somos moi creativ@s e podemos facer cousas moi chulas

A cita será o sábado día 13 de xuño a partir das 10h na Cruz de San Pedro, ata as 14h

Que necesitades?

  • Ganas de traballar
  • Anotarte mandandonos unha mensaxe a info(arroba)axuntanza.org, non porque sexa obrigatorio senón porque asi podemos organizar mellor as tarefas.

Que faremos?

Un pouco de todo, como os anos anteriores, en función da cantidade de xente que participe. Pero desde xa, algunhas ideas que precisan da vosa colaboración e tendes que comezar a traballar nelas:

  • Instalar nos arredores da escaleira da Carricova o xardín das mulleres
  • Facer deseños nas beirarrúas e prazas con xogos
  • Recollida de alimentos para o Banco de Alimentos
  • Instalación da mostra de Urban knitting
  • Obradoiro rápido de Lingua de Signos (coa colaboración de Galensigna)
  • Art Attack de sensibilización sobre a redución da velocidade do tráfico nalgunhas rúas.

 

21. Maio 2015 · Comentarios desactivados en Volve un clásico: o Mercado do Caracol · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Trae a túa casa ás costas ao Mercado do Caracol

Pensamos que estes tempos complicados son perfectos para simplificar as nosas vidas, para interiorizar a práctica dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para ser máis solidari@s.

 Lembras esa cafeteira en perfecto estado que esmorece nun armario da túa casa? Esa lámpada que realmente nunca conseguiches encaixar na túa sala? E aqueles patíns tan lindos? A bici estática-percheiro?… Fai inventario, simplifica a túa vida e trae contigo todas esas cousas pois aqui poderás vendelas, trocalas ou mesmo regalalas.

 Soñas con renovar a túa mesiña de noite cunha lámpada resultona e eficiente? Gustaríache equipar mellor a túa cociña? Tes grandes proxectos para este curso e precisas accesorios deportivos?… Este é a túa oportunidade.

 Que algunha das túas trapalladas é grande? Trae a unha foto e poderás atopar quen o necesite.

 Buscas… pero non sabes moi ben que? Leva a túa lista, porque nas nosas casas hai moitas cousas durmindo polas esquinas que mellor estarían noutro fogar.

 … e aínda poderás redescubrir unha zona do barrio e os seus establecementos comerciais.

 A cita é o sábado 30 de maio na Rúa do Home Santo, das 11 ás 14h.

Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións e mandanos un email a axuntanza01@gmail.com pero OLLO: anotate antes do xoves 28 ás 22h.

Atención: Se o prognostico meteoróloxico é de choiva, a actividade será cancelada.Estade atentos/as á web ou Redes Sociais.

30. Abril 2015 · Comentarios desactivados en Sobre o arranxo da Avda. Quiroga Palacios · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Hoxe a Xunta de Goberno municipal, aprobou a adxudicación das obras de arranxo da Avda Quiroga Palacios, obra comprometida en 2007.

Aínda que é, desde hai anos a nosa principal prioridade só agora vemos que a cousa se move en serio. Non era sen tempo.

A veciñanza tivo ocasión de velo e de trasladarlle á concelleira as súas inquedanzas sobre el; nós tamén, unha e outra vez pero non fumos quen de convencela. E isto, tanto polas formas (para que tanto falar) como polo fondo (o proxecto é problemático) parecenos inadmisible.

Por este motivo, decidimos enviar unha nota aos principais grupos que se presentan ás eleccións municipais xa que algún deles será o que teña que xestionar a obra e o noso descontento. Así, mandamos este email ás agrupacións locais do PSOE, BNG e Compostela Aberta; o mail do PP non o atopamos, pero mandaremos recado ao alcalde a través das Redes Sociais.

Compañeiros e compañeiras,
Supoño que xa saberedes que hoxe foi anunciada a licitación do arranxo da avda Quiroga Palacios; levamos anos loitando pola renovación desa rúa; de feito é a única obra que pedimos reiteradamente desde 2011.
Queremos poñer en voso coñecemento, o seguinte:

  • Sobre o proxecto inicial, nós plantexamos diversas melloras necesarias e forzamos unha reunión coa concelleira na que a veciñanza foi informada e fixo propostas de mellora.
  • As nosas propostas iniciais (tendes o enlace abaixo) foron reformuladas despois do encontro entre a concelleira e a veciñanza en dúas propostas básicas:
    • manter o estacionamento no tramo do Seminario pois parecenos enormemente gravosa que unha obra neste barrio traia consigo a desaparición do 50% do estacionamento nunha rúa sen preparar unha solución alternativa; e tamén porque entendemos que esa contorna -que está ao carón de dous edificios coa máxima protección do Plan Especial da Cidade- merece un tratamento diferente ao do resto da rúa, algo que podería facerse nun futuro cando se aborde o arranxo definitivo do talude do convento de Belvís e a renovación do inicio da Avenida (ese tramo que queda entre o miradoiro do convento e o Seminario). Abondaría agora con ampliar a beirarrúa todo o que se poda, mantendo o aparcamento.
    • instalación de cando menos un colector de lixo soterrado. Para nós é unha cuestión de humanidade nunha rúa notablemente envellecida. A ordenanza municipal deixa claro o horario no que podemos baixar o lixo aos contedores verdes. Obrigar a persoas maiores a baixar 2, 3 ou 4 pisos sen ascensor pola noite só para botar o lixo parecenos algo falto de toda consideración cara a esas persoas; son veciños e veciñas nosas e merecen o noso respecto e apoio. Queremos que os nosos maiores queden aquí e temos que axudarlles.

Non entendemos o proceder do goberno municipal neste asunto e, desde logo, non compartimos a toma de decisións unilaterais nestes aspectos. Agardamos que tomedes nota e que a próxima lexislatura todos e todas implementedes formas de goberno nas que a opinión da veciñanza conte porque, sen veciños e veciñas non hai cidade.

Saúdos cordiais
AV A Xuntanza

Algúns enlaces:

O noso posicionamento sobre o proxecto de obra
Reunión mantida coa concelleira en novembro de 2014
Reunión mantida coa concelleira en febreiro de 2014
Reunión mantida co Alcalde, Sr. Currás en novembro de 2012
Reunión con diversos concelleiros, decembro de 2011

28. Abril 2015 · Comentarios desactivados en #Barriosconluzpropia #Queremosfestas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Hai agora 12 anos, case todos os colectivos do barrio uníronse nun obxectivo común: crear para San Pedro unhas festas para todos e todas, para coñecernos, para gozar xuntos e para fortalecernos como barrio. Querían que os vellos Estados Unidos estiveran xuntos e xuntos construíran o futuro.

Co tempo as festas medraron, coma nós, e naceu a Feira da Primavera. Cada ano, o esforzo xeneroso e a ilusión da veciñanza fixo posible que o sono se cumprira e que por uns días San Pedro fose, máis que nunca, o mellor sitio do mundo no que vivir ou traballar. Contra a choiva e as dificultades seguimos adiante, todos e todas, porque compartimos o soño dun barrio vivo e con futuro. E así cada día, cada ano.

Isto é posible grazas ao traballo das persoas voluntarias, de quen achega a súa doazón, de quen coloca os carteis no seu negocio, de quen consume nas cantinas ou de quen sae neses días á rúa con ganas de compartir coa veciñanza e amizades. Cada quen, na medida do que pode, colabora e así ten que ser: porque o barrio o facemos todos e todas.

A achega do Concello é básicamente a dos servizos, electricidade máis limpeza e contamos tamén coa amabilidade e dispoñibilidade de moitos funcionarios e funcionarias. Como barrio, pensamos e facemos as nosas festas a costa do noso esforzo e o noso peto, ademais, non o quereríamos doutro xeito.

Agora o Concello decidiu non subministrarnos enerxía eléctrica: seica hai un impedimento legal. Que supón esta decisión? Que non haberá onde conectar equipos de son, focos para alumear a Pza 8 de marzo pola noite ou as neveiras das nosas cantinas.

Nós non queremos nin ilegalidades nin favores políticos, senón aquilo ao que temos dereito como barrio e como cidadanía: un apoio efectivo ás nosas iniciativas e, neste caso, unha solución alternativa. Para isto eliximos cada catro anos xente que nos goberne e para isto contribuímos cos nosos impostos.

Queremos unha solución porque é un problema que afecta ao conxunto de barrios e parroquias da nosa cidade. Quen vai organizar unha cacharela sen un foco para alumear? Quen vai organizar unhas festas sen electricidade para as cantinas?

Si, poderíamos usar xeradores pero porqué repagar o que xa pagamos? Nós xa facemos o máis difícil, que é todo o resto.

Con todo, seguimos confiando no poder das persoas e no seu compromiso cos seus veciños e veciñas, co noso barrio e co noso futuro común. Sabemos que non faltará quen nos bote unha man ou quen dea un enganche de luz; coñecemos a vosa xenerosidade e contamos con ela. Porque vos pensades, coma nós, que todos e todas construímos o noso barrio cada día e con cada iniciativa.

É por isto que tras moito pensalo decidimos seguir adiante coa Feira da Primavera, por respecto ao voso esforzo, ilusión e compromiso, ao traballo dos artesáns e ao futuro dos nosos negocios. Non será unha feira como as outras pero sairemos adiante e o barrio brillará con luz propia.

O desafío será maior para as festas pois a complexidade é infinitamente superior e por tanto, tamén o  é o consumo máis potencia eléctrica necesaria; e porque queremos seguir levando a festa a distintas zonas do barrio. Sen concertos, sen cantina, sen actividades na Trisca, na Angustia ou en Home Santo as festas do barrio non serían aquilo polo que tanto traballamos todos e todas. Non chegamos ata aquí para terminar facendo unhas festas de verbena de megaorquestras, porque ese non é o proxecto que queremos.

Organizar todo iso sería unha tarefa titánica á que, francamente, non podemos comprometernos e na que tampouco sería xusto embarcarvos, cando menos con este panorama, por respecto ao noso proxecto común de barrio e ao traballo ata o de agora desenvolvido por todos e todas.

Para seguir adiante precisamos que outros movan ficha e fagan o seu traballo, que nos faremos o noso.

A todos e todas, grazas por facer de San Pedro o mellor barrio do noso mundo.

 

Asociación Veciñal A Xuntanza + Asociación Cultural do Barrio de San Pedro (Comisión de Festas)

08. Abril 2015 · Comentarios desactivados en Queremos unha solución responsable e segura · Categories: A Xuntanza, O Barrio

A decisión do concello de non subministrar enganches eléctricos á Feira da Primavera e outros eventos veciñais, pode xustificarse por razóns de seguridade. O que non é comprensible é que non se busque unha solución; seica é unha decisión tomada hai meses, que se fixo neste tempo? Agardar a ver se nós arranxabamos? Porqué ten que soportar o barrio tamén este gasto?

Fartas da situación, solicitamos ao Concello a implementación dunha alternativa viable e segura. Tamén entregamos, para o Sr. Alcalde, este escrito:

Benquerido alcalde,

Chegado o mes de marzo, o Barrio de San Pedro prepara a súa Feira da Primavera, as Festas e os distintos eventos que ata o verán dinamizarán a nosa vida social e comercial. Son actividades ben complicadas que saen adiante polo empeño das entidades do barrio e polo esforzo e compromiso dun cento de persoas que traballan voluntariamente e da veciñanza e empresariado que as apoian en todo aquelo que podan precisar. Todos e todas traballamos a reo porque entendemos que é bo para a nosa pequena comunidade desenvolver todas estas actividades pois nos fortalecen como barrio, nos dinamizan como colectivo e dan un apoio especial aos nosos negocios.

Desde sempre pode dicirse que o apoio municipal a estas iniciativas é morno, entendemos que polos “problemas” que ocasionan, salvando á honrosa excepción dos departamentos relacionados coa Promoción Económica. Cada enganche eléctrico, cada peche de rúa, cada ocupación de espazo é algo que tivo que ser pedido e negociado, case rogado e arrincado, como se o barrio estivera organizando algunha cousa clandestina e nos deran o consentimento de tapadillo.

O barrio organiza e financia totalmente a Feira da Primavera, o Mercado do Caracol e mesmo as Festas e estes son eventos que congregan a milleiros de persoas do barrio, da cidade e mesmo de fóra. Non era a nosa intención pero a verdade é esa, e con xenerosidade acollemos a aqueles que -veñan de onde veñan- se achegan aos nosos eventos. O noso barrio, pero tamén a cidade, se beneficia, e moito, dese traballo desinteresado e do esforzo económico.

Sí, esas sardiñas que tanto gostan aos turistas que visitan a nosa cacharela saen do noso peto (neste caso do xa maltreito da Xuntanza) e tamén o pan e a area, pois o Concello só pon a limpeza, as vallas (sempre escasas) e o punto de luz. E non pasa nada, xa que entendemos que os cartos públicos non son para esas cousas, aínda que as cacharelas veciñais sexan un evento cultural e turístico fundamental no calendario da cidade.

O que non entendemos é que non haxa un apoio decidido e efectivo a estas e outras iniciativas. Seguramente noutros barrios pasará o mesmo pero aquí non pode dicirse que non sexamos ben mandados: que deixaron moito lixo na Festa da Primavera do ano pasado, implantamos os ecovasos; que en Concheiros hai tantísimos coches que a grúa tería que comezar pola noite a sacalos para que se poda facer a feira, nós temos reténs toda a tarde para que ninguén vaia aparcando; que hai que sinalizar os itinerarios alternativos, nos buscamos quen poña as sinais; que hai que organizar o tráfico na Cruz para facer a cacharela, alí estamos toda a tarde…

Que obtiñamos a cambio? A posibilidade de desenvolver un proxecto colectivo no que todo o barrio está implicado e do que, ao cabo, toda a cidade se beneficia. Pero para nós, a veciñanza e os nosos negocios son o fundamental; traballamos para eles porque compartimos un compromiso de futuro.

Agora o Concello non vai facilitar os puntos de conexión eléctrica pois seica son inseguros (non será porque non o teñamos avisado). Non seremos nós quen force a ninguén a tomar unha decisión ilegal ou a poñer en risco a seguridade das persoas pero pensamos que si temos dereito a solicitar unha solución.

Con certa dificultade, temos que recoñecer, aceptamos ter que negociar o uso de espazos que son públicos, pois son de todos e todas pero o Concello os administra no ben da comunidade. Tamén aceptamos a necesidade de colaborar en mitigar o trastorno que ocasionan as nosas iniciativas nos servizos municipais, pois non van deixalo todo por vir a atendernos (aínda que tamén vemos que cando o evento o organiza o Concello ou está apoiado por el as cousas son distintas). Pero non comprendemos nin compartimos este desleixo cara a nos e ao noso barrio.

Seica o noso problema é que todo este lío non o organiza o Concello? Queremos pensar que non, pois nós -no noso ámbito- traballamos por unha cidade mellor.

Por isto, non entendemos que o Concello retire, sen alternativa, unha das poucas achegas efectivas como son os enganches eléctricos. Que vai ser o próximo, recoller nós o lixo?

Nós pensamos que o Concello o que debería facer é axudarnos e non poñer trabas. Que non se pode enganchar na rede do alumeado? Pois busquemos unha solución.

Nós cremos que para isto están as institucións, para apoiar ás necesidades das persoas e os colectivos cidadáns, máxime cando desenvolven iniciativas que fortalecen ás comunidades e que están pensadas no ben común. Para iso están os impostos cos que pagamos a técnicos municipais e aos nosos administradores.

Este asunto da electricidade é un problema que afectará a moitas entidades e iniciativas cidadás así que queremos chamarte a unha seria reflexión sobre as decisións tomadas e a que busques unha solución acaída para San Pedro e para as outras iniciativas de barrios e parroquias. Unha cidade viva descansa sobre as iniciativas sociais e o Concello que todos e todas sostemos co noso esforzo debería entender isto.

27. Marzo 2015 · Comentarios desactivados en Mulleres e lugares de San Pedro · Categories: Actividades, O Barrio, Vogalía da muller

O ano pasado, durante o Día do Barrio, a nosa Vogalía da Muller rodou unha curta protagonizada polas nosas veciñas. O tema desa ocasión foi o Barrio e aqueles lugares e persoas que máis nos gustan.

Despois de moito traballo na selección e montaxe, aquí o tendes e quedou ben chulo. Moitas grazas ás artistas e as rapazas da Vogalía.

 

23. Marzo 2015 · Comentarios desactivados en Atención candidat@s: 19 medidas (+1) para o barrio de San Pedro · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Na asamblea anual de 2014, os socios e socias reunidos deron o seu refrendo á idea de elaborar un prontuario de ideas para que os partidos políticos as tiveran en conta á hora de elaborar os seus programas.

Estabamos un pouco fart@s de ocurrencias e de ideas e proxectos que, aínda sendo interesantes, non sempre atendían ás prioridades que sinte a veciñanza ou que chocaban frontalmente co proxecto común que compartimos: un barrio aberto, no que todos e todas nos sintamos cómodas e seguras, acolledor cos nosos negocios e que sexa quen de atraer xente nova que compense o progresivo envellecemento; un barrio no que o noso parecer sexa respectado, o patrimonio coidado e ás nosas iniciativas de dinamización económica ou social verdadeiramente apoiadas.

A Xunta directiva recolleu a proposta e preparou un documento no que se resumen as achegas, desexos e inquedanzas expresados por moitos veciños e veciñas ao longo deste ano. Foi refrendado na asamblea correspondente a 2015, celebrada a semana pasada.

Son, en conxunto 19 puntos e un apéndice:

1.- Plan de Mobilidade que atenda á seguridade e accesibilidade; valenos un plan provisional que ordene a mobilidade, o estacionamento, o transporte etc., no barrio. E que se siga. Ningunha obra máis sen estudo da mobilidade posterior no contexto global do barrio. Ningunha obra en Concheiros sen un plan de mobilidade e un estudo comercial.

2.- Un Centro Sociocultural público acorde á actividade do barrio e da súa poboación (c. 10.000h), de xestión compartida. Conversión progresiva do CSC da Trisca no centro de referencia para o proxecto de Barrio Amigable para as persoas maiores.

3.- Un barrio para todos e todas: plan de accesibilidade para o barrio e as vivendas (escaleiras mecánicas, ascensores); Área de Rehabilitación Integral para as contornas de Quiroga Palacios (Puente la Reina, Bispo Teodomiro, Batalla de Clavijo) e Home Santo (Rodríguez de Viguri, Betanzos).

4.- Posta en valor do Parque de Belvís e o seu patrimonio histórico e natural (arranxo de entradas, do mirador, restauración de muros, sinalización, apertura da curtidoría das Trompas cun proxecto de contidos de carácter cultural).

5.- Reinicio, desde cero, do asunto Casa da Xuventude a partir dunha filosofía diferente: exemplariedade da acción municipal, plan global para o parque de Belvís, avaliación das posibilidades…

6.- Apoio ao proxecto comunitario de Barrio Amigable para os Maiores e posta en marcha das accións que se decidan.

7.- O mantemento dos espazos públicos como filosofía. Queremos menos grandes proxectos de obra e máis mantemento e coidado=> plan anual de mantemento de rúas, mobiliario, servizos… que eviten a necesidade de grandes e custosas intervencións.

8.- Cumprimento do PXOM no referido á parcela dotacional da rúa Triacastela (parque infantil cuberto, aparcamento de residentes, escola infantil ou praza).

9.- Cumprimento das promesas feitas ao CEIP Santiago Apóstolo: patio cuberto, seguridade vial na contorna, renovación e modernización da súa estética e infraestruturas,… Revisión do mapa escolar deste centro para que os rapaces/as do barrio o teñan como o seu centro de referencia.

10.- Adaptación do Parque da Trisca á normativa europea (peche, pavimentos…).

11.- Cumprimento e seguimento efectivo dos pregos de condicións das licitacións das empresas de servizos (limpeza, solución de avarías). Tamén das obras e servizos desenvolvidos en espazos públicos por empresas de servizos (gas, telefonía).

12.- Apoio decidido e efectivo ás iniciativas veciñais de dinamización sociocomunitaria ou económica.

13.- Participación efectiva da veciñanza en todos os procesos que teñan que ver co barrio.

14.- Un Plan Especial para o Casco Histórico que limite a turistización da cidade (e do barrio) e que anime a pequenos emprendendores e familias a asentarse na zona e no barrio.

15.- Participación da veciñanza (ou os seus representantes) na redacción da actualización do Plan Especial e nas comisións posteriores -mesmo técnicas- de seguimento.

16.- Integración e mantemento da biodiversidade urbana no barrio.

17.- Supervisión do impacto ambiental (ruidos, vibracións) do tráfico rodado no corredor San Pedro-Concheiros e nas contornas de Santo Antonio e Belvís.

18.- Goberno transparente e participativo: publicación na web municipal das actas e os acordos de comisións como a Asesora de Casco Histórico e dos plenos e dos materiais previos para que a cidadanía poda opinar. Implementación na web municipal dun espazo para dar a coñecer todos os procedementos de exposición pública, con toda a documentación pertinente.

19.- Exemplariedade do goberno municipal no respecto á lingua, á promoción da igualdade, na atención á diversidade, no respecto ao patrimonio, na participación e integración dos maiores, no acceso á vivenda; introdución de criterios éticos e de sostibilidade social e ambiental na contratación pública.

E apéndice: inicio inmediato do arranxo da Avda Quiroga Palacios (comprometida en 2007) e a súa contorna.

Candidat@s, seredes quen de asumir estas propostas?

P.S. Tamén acordamos, visto o reducido aforo do Centro Sociocultural da Trisca, poñer o noso local á disposición dos partidos políticos para que nel se podan celebrar actos informativos ao longo da campaña electoral, aínda que o noso local non é agora público e non temos obriga legal.

12. Marzo 2015 · Comentarios desactivados en Obras no barrio · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Nestes días falase moito de proxectos de obra a executar no barrio nun futuro próximo. Xa sabedes que houbo algunha presentación destes temas do noso interese en espazos fóra do barrio.

Na semana que ven, teremos oportunidade de coñecelas mellor e falar sobre elas.

O luns ás 20.30h, convidamos á Concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible a achegarse ao barrio e falarnos dos proxectos que presentou a semana pasada en Fontiñas: Rúa dos Concheiros, ascensor de Triacastela e estacionamento en Rodríguez de Viguri (debaixo do Conservatorio).

Por outra banda, o mércores ás 18h no CSC da Trisca falaremos da renovación de Campo de San Antonio.

En resumo:

Luns, ás 20.30h no noso local: Concheiros, Triacastela, Aparcamento

Mércores, as 18h no CSC da Trisca: Campo de San Antonio