19. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Feira da primavera: The making of · Categories: O Barrio

Este mércores, o voluntariado das festas terá unha reunión crucial pois alí, ademais de facer un repaso do ritmo das tarefas en marcha para as Festas, haberá a organización das labores relacionadas coa Feira da Primavera (apoio á montaxe dos postos, ao operativo de tráfico, quendas das cantinas…). En paralelo, o luns terá a Comisión a súa propia xuntanza (estaremos tamén nós). E así, a organización da Feira da Primavera entra na súa fase final. Antes, durante e despois manterase o esforzo encamiñado ás Festas do Barrio, que serán a partir do 29 de xuño.
O impacto de ambos eventos na nosa vida social é enorme e o económico foi estimado nun medio millón de euros (si, unha morea de cartos); e aínda habería que falar do que supón para a imaxe do noso barrio á hora de presentalo como un lugar atractivo para vivir e traballar. Os froitos en termos de nova veciñanza e consolidación do tecido económico son evidentes.
E todo isto é grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas. Sí, noutros sitios os concellos pagan moito diñeiro a empresas e expertos para que deseñen e executen plans de dinamización social e económica. Aquí arranxamonos co voluntariado, coa xenerosidade de veciñanza, entidades e establecementos comerciais, imaxinación e moita, moita boa vontade e tempo. E non hai cartos que paguen isto, nin palabras que podan expresar o noso agradecemento.
É un traballo de formiguiñas no que se rouba tempo ao lecer, ás familias, ao descanso e ao traballo. Somos un barrio con unha misión!
Deseñar unha programación e imaxe, achegar ou recoller as novas protestas, xestionar todo o papeleo co concello, visitar os establecementos comerciais -un a un, en horario comercial-, percorrer todas e cada unha das casas para informar e para pedir as colaboracións, a loxística, recibir os parabens e tamén as queixas e malas caras (que tamén as hai, todo hai que dicilo)…
A Feira é un proxecto en si mesmo: o anuncio, as inscricións, a selección dos postos (que serán 200 dos 400 que se presentan), revisar as rúas unha por unha, comprobar a fórmula máxica que permite instalar todos e cada un dos postos (anaco de rúa sen negocio, portal ou garaxe) e revisar os postos solicitados (tamaño, características), e logo armar o Tetris e dar a cada un un lugar; pensar na seguridade dos peóns, en evitar tapóns que supoñan risco de aglomeración, discurrir formas para que non haxa botellón neses treitos de desafogo, como a Praza do Cruceiro, argallar as quendas para poñer papeis para que os coches non aparquen, …
Xa sabemos que pensabades que todo era dar unhas palmas e se armaba a cousa, pero non é asi 😉

A Feira da Primavera e as Festas, son froito dun enorme e impagable traballo no que se implican moitas persoas, cada quen no que pode. Hai moitísimas cousas que facer e todas son necesarias; desde o inmenso esforzo da comisión -que se reune infinitamente de xaneiro a xuño en plenarios e subcomisións específicas- ata a colaboración dese veciño que na Feira da Primavera e o sábado das festas a primeirísima hora sube a unha escaleira cunha bolsa de lixo para tapar un sinal de tráfico na súa rua.
Todo é necesario.
Pero o certo é que sen a xenerosidade de todas, estes proxectos non serían posibles e menos aínda a custe case cero. Sabemos que cada acto voluntario é unha renuncia a unha tarde preguiceira, a un rato con amizades ou familia, a un paseo polos nosos fermosos parques ou mesmo a unhas horas de  sono porque hai que recuperar o tempo de traballo investido en horario laboral para ir polas tendas ou polas casas a recadar doazóns.
Por isto queremos amosar públicamente o noso agradecemento a toda esta xentiña. Sen eles e elas, sen o seu esforzo desinteresado todo isto non existiría e seríamos un deses barrios aburridos e tristes. Grazas a todos e todas!

Queres saber o que podes facer? aínda estás a tempo para apoiar e participar, indo á reunión de voluntariado mañá día 20 ou ben axudar a armar a supermegadecoración de maios que se está preparando.

 

12. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Tanto esforzo… para nada? · Categories: A Xuntanza, O Barrio

plano ceip apostolo santiagoPara nós un cole público é un equipamento fundamental nun barrio. No noso, con tan poucos edificios e servizos públicos é un referente basico. Sí, temos outros coles e son benvidos e queridos pois tanto as direccións como as ANPAs participan activamente na nosa vida comunitaria e compartimos idearios e forma de ver o mundo. Pero, ao cabo, son entidades privadas e están suxeitas ás súas propias decisións; que pasaría se decidiran marchar?

Ben sabedes como levamos anos -nós e outras entidades do barrio- nun rexuvenecemento demográfico. Non se trata de botar a ninguén pero é imprescindible atraer xente nova, sangue novo para dar vida ás nosas rúas, ao noso proxecto común e aos nosos negocios.

Xa só por isto é imprescindible un centro público en San Pedro.

Sabedes tamén que o noso cole público de referencia, o CEIP Apóstolo Santiago estivo a piques de desaparecer, teóricamente por falta de alumnado. Cedeuse unha parte do edificio para instalar a Escola Municipal de Música, exactamente o 50%; a metade dereita do plano que adxuntamos; e para acoller aos nenos e nenas dividironse moitas aulas. Como se dí en fútbol, achicaronlle espazo.

Foi o inmenso esforzo das familias e do centro o que permitiu a súa supervivencia e conseguiron invertir a tendencia. Hoxe, cada novo curso, hai máis nenos e nenas e iso é bo para o cole e para o barrio.

Tamén é bo para todo o mundo o proxecto educativo que defende, baseado na integración de nenos e nenas independentemente das súas circunstancias e na riqueza que esa diversidade achega a cativos e cativas e, a través deles, ao conxunto da sociedade. Foi e segue sendo un proxecto modélico e un referente na cidade; e todo grazas fundamentalmente ao esforzo e xenerosidade da comunidade educativa.

Por isto vemos hoxe con moita preocupación certas cousas:

  • o alumnado medra e o ano que ven cubriranse os cupos máximos de moitos cursos o que implica que 25 nenos e nenas terán que se acoplar en aulas que agora acollen a menos dunha ducia.
  • as aulas máis grandes teñen arredor de 35 m cadrados e hai algunha -vista por nós- na que caben pouco máis de 10 mesas.
  • que as aulas de infantil apenas permiten espazo para traballar cos cativos e cativas
  • que continua sen existir un patio cuberto e no inverno o recreo faise, simplemente, na aula (seica isto vai mudar)
  • unha parte importantísima do orzamento escolar vaise en pagar a calefacción.
  • boa parte do barrio aínda non está incluída no distrito deste centro de xeito que o colexio de referencia é outro (Sar, Fontiñas)
  • non está clara a convivencia do servizo de comedor (nun edificio anexo, ao outro lado do patio) cos novos locais de ensaio alí construídos; de feito nin está claro que todos os nenos e nenas podan comer sen estar amoreados o curso que ven.

É certo que estas non son novedades e que veñen de lonxe pero isto non é excusa para esquecelas, e preguntamonos:

  • van quedar nenos e nenas do barrio que teñan solicitado praza fóra do cole?
  • que vai pasar cos nenos e nenas que xa están? pasarán o curso amoreados como sardiñas?
  • que vai suceder no futuro?
  • non sería conveniente reformar o mapa escolar deste centro (e, en xeral, da cidade) para que cada quen vaia ao cole máis próximo?

Todo isto foi trasladado á administración (local e autonómica) por nós e pola comunidade escolar e o certo é que aínda que recoñecen o problema o que responden resulta incerto.

Este colexio -que é o grupo escolar máis antigo da cidade- tivo polideportivo, un enorme patio (hoxe comido por edificios municipais), auditorio, espazo de comedor, aulas máis que suficientes, espazo amplo para profesorado e administración e -mesmo no plano orixinal- un museo. Que queda diso? unhas poucas aulas máis ben pequenas, un mini espazo para a dirección e pouco máis.

É evidente que a cidade ten unha débeda con este centro e comunidade educativa. Non se trata de desprazar a Escola Municipal de Música -aínda que nós temos clara a nosa preferencia- pero compren solucións, e dentro do barrio.

Deberes: despois desta reflexión, botade un ollo a este interesante artigo “El cole es vida y la vida es barrio”

 

01. Abril 2016 · Comentarios desactivados en A pacificación do tráfico na rúa de San Pedro: unha oportunidade para todo o barrio? · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Ben sabedes -porque así o sentides tamén vós-  que a mobilidade no Barrio de San Pedro é a nosa grande preocupación; hai anos que as distintas directivas esfórzanse neste asunto porque entendemos que todos e todas temos dereito a camiñar e vivir no barrio sen medo a ser atropeladas, sen tropezar nos coches, sen obstáculos que nos impidan movernos e relacionarnos, sen vibracións ou ruídos que perturban o descanso nas casas.

Entendemos tamén que boa parte das nosas rúas son espazos patrimoniais e que a constante agresión do tráfico rodado non é boa para a súa conservación. Tanto coche polo medio non só nos molesta senón que tamén degrada o valor deste legado e a importancia social que lle damos.

Desde estes presupostos, as distintas directivas reclaman desde hai anos -case desde o século pasado- unha ordenación da mobilidade, un plan feito por expertos que dera solución ás nosas inquedanzas, e non solucións parciais nacidas dunha brillane idea dun técnico/a ou un concelleiro/a. Ao cabo, o cuñadismo está ben na tele pero non nos asuntos que afectan á vida das persoas e ao patrimonio herdado.

O que vemos

A análise da mobilidade no barrio que fixo un experto contratado polo concello en xuño de 2007 deixou as cousas ben claras:

  • en diversas rúas do barrio hai situacións permanentes de risco para a integridade das persoas, como na rúa Lagartos ou na Calzada de San Pedro.
  • Arredor do 70% do tráfico que pasa por aquí (rúa de San Pedro-Concheiros, eixo Angustia-Bonaval) é de paso, ven dunhas zonas da cidade e vai para outras, non para no barrio.
  • A rúa de San Pedro soporta mais tráfico que calquera dos dous sentidos de Virxe da Cerca e, aínda sendo moitos coches, os peóns que usan esa rúa son moitos máis (o dobre, exactamente).

Aquí pouco mudaron as cousas. Non temos datos actuais pero é evidente ademais que:

  • Non é de recibo que máis de 250 autobuses pasen cada día pola rúa de San Pedro.
  • Se en horas concretas de calquera día, o espazo peonil desa rúa está saturado, en verán resulta insufrible pola presenza de peregrinos varios a pe e en bici.
  • Se a rúa de San Pedro se pecha ao tráfico non hai grandes perturbacións no conxunto da cidade pero no barrio si que hai importantes consecuencias. A máis relevante delas é que -como os coches son como a auga- zonas tranquilas como a rúa das Fraguas ou a rúa que atravesa o Parque de Belvís convértense en mini autopistas, con moito coche e velocidades innecesarias.
  • Que os condutores interpretan as sinais de limitación de velocidade a 20 km/h na Rúa e Calzada de San Pedro como un accesorio urbano interesante pero non como algo a respectar segundo o prescrito na Lei de Seguridade Vial.
  • O peche do corredor dos Basquiños trouxo un incremento temporal no volume de tráfico en San Pedro-Concheiros-Bonaval que en parte se mantén; trouxo tamén unha destrución da calzada nos Concheiros e un dano importante no corredor Angustia-Bonaval-Valle Inclán.

O que fixemos nestes anos

  • Loitar por un plan global de mobilidade para a cidade e, no seu defecto, para o barrio, que comprenda o tráfico rodado, o transporte público, as necesidades da veciñanza e os negocios, a desaparición de barreiras (escaleiras de Triacastela, Bispo Teodomiro), os pavimentos das beirarrúas, etc. Mobilidade é o acto de moverse non só ordenación dos coches e neste “novidoso” concepto nós fumos pioneiras, como no do estacionamento de residentes.
  • Solicitar repetidamente a peonalización da rúa de San Pedro os meses de xullo e agosto -salvando o transporte público, carga e descarga e servizo aos residentes-, para evitar os riscos de seguridade por mor da sobresaturación do tráfico peonil.
  • Reclamar a peonalización, ou cando menos a restricción forte do tráfico parásito, na rúa Lagartos.
  • Reclamar e propoñer medidas que contribúan á unha verdadeira pacificación do tráfico rodado no barrio como forma de acadar unha mobilidade máis equilibrada. A maioría de nós imos a pé pero resulta que os coches crean riscos innecesarios e dificultan actividades como a socialización da veciñanza ou as compras porque hai moitos coches e dominan agresivamente o espazo público. ¿quen non foi pola rúa de Belvís cun coche pitandolle?
  • Escoitar como unha vez e outra, diversos responsables políticos concordaban na necesidade de equilibrar a convivencia coches/peóns no barrio, especialmente na Rúa de San Pedro sen tomar medidas realmente efectivas nesa dirección.

 E agora?

Non é cousa de dicir ¡Era Visto! pero é que é asi. No seu momento avisamos de que arranxar a rúa de San Pedro e investir alí 500.000 euros sen un plan para pacificar o tráfico rodado non tiña moito sentido porque non hai pavimento non asfaltado que resista moito tempo 5 ou 6000 vehículos ao día. O mesmo sucederá en Concheiros de facerse obra sen planificar o día despois.

É evidente que a rúa quedou mellor e máis comoda pero paga a pena? Foron moitos cartos e moito sufrimento de veciñanza e comercios da rúa. De teimar neste modelo de mobilidade é evidente que en 3-4 anos -se non antes- haberá que plantexar un novo peche, esta vez para arranxar a parte de arriba. E outra vez a empezar co lío.

Escoitamos nos medios de comunicación a intención do goberno municipal de avanzar cara a outro modelo, de poñer en marcha medidas puntuais entretanto se elabora o plan de mobilidade para a cidade. Parece -aínda non falamos con eles- que a medida estrela será a progresiva pacificación do tráfico rodado en San Pedro, limitando o tráfico dos coches algunhas tempadas (verán e fins de semana). É unha proposta ben interesante.

Hai quen fala de peonalización. Agora ben hai algunha rúa 100% peonil nesta cidade? mesmo no  Obradoiro hai coches. Falemos, pois, de pacificar ou equilibrar a convivencia vehículos/peóns.

Entendemos que, en calquera caso, un movimento neste sentido:

  • debe ter en conta o impacto desa limitación de tráfico no resto do barrio, nomeadamente no corredor Parque de Belvís-Bispo Teodomiro-Fraguas.
  • pode preservar o transporte público que da servizo ao barrio, aínda que hai que revisar algunhas liñas “parásitas” que pasan con autobuses baleiros cara destinos exóticos e ir pensando en adaptar os autobuses (enormes) á cidade (histórica e apretada) e non á inversa, como agora.
  • non pode significar ateigar a rúa de terrazas ou obstáculos varios
  • deberíamos aproveitar para ir instalando medidas activas e pasivas que leven no resto do barrio a unha pacificación xeral do tráfico de xeito que -agás Rodríguez de Vigurí e Avda de Lugo- todo sexa de xeito efectivo o que en tráfico chaman zona 20.

O certo é que se o tráfico de paso no barrio se reducira substancialmente, os buses fosen máis pequenos e os vehículos fosen mais tranquilos e entenderan que non todo o espazo e seu, boa parte de todo este lío non sería necesario.

Pensade, cal é a actitude dun vehículo privado que cruza a rúa do Vilar un día as 6 da tarde? cal é a dese mesmo coche pasando pola rúa de San Pedro ou polas Fraguas? Ese é o primeiro cambio que queremos.

 

 

 

 

13. Marzo 2016 · Comentarios desactivados en O Barrio é a nosa segunda casa: non o fagas, non o consintas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Ao longo desta noite alguén destruíu boa parte do traballo que As da Aghulla instalaron na escaleira da Carricova. Non temos palabras para transmitirvos a súa desolación e non temos cara suficiente para soportar a vergoña propia e allea que agora mesmo sentimos e que sabemos que sentirá moita xente ao pasar hoxe por alí.

Si, xa sabemos que estes feitos son cousa dunhas poucas persoas pero pensamos que é necesario facer unha reflexión colectiva sobre isto e sobre o que cada quen de nós fai. Entendemos que o barrio (e a cidade) son a nosa segunda casa; as nosas rúas e prazas son como unha extensión dos nosos salóns e cociñas pois alí vivimos, alí xogamos, falamos, facemos amizades e construímos as nosas vidas e afectos.

Que di de nós, como persoas e como comunidade, un suceso como este?

Que non nos respectamos o suficiente como persoas e como barrio; que moito falamos de vivir no mellor barrio do mundo pero que no fondo tanto nos ten que sexa un estercoleiro; que nos queixamos das persoas que rouban o que é de todos e todas, sen entender que o respecto ao común comeza polo respecto aos espazos que compartimos pois estragalos supón o custe de arranxalos; que tanto nos ten que as nosas rúas se transformen nun barrio como tantos, anodino e aburrido.

E iso o que somos? o que queremos para o barrio? Pensade nisto cando vedes a alguén tirando un papel nunha xardiñeira, roubando unha planta, mexando nunha esquina, deixando atrás os excrementos da súa mascota ou aparcando nunha beirarrúa.

Se non somos quen de protexer e facer respectar o que é de todos e todas, como pretendemos que os demais nos respecten? con que argumento pedimos a outros, por exemplo, ao concello que pague dos cartos de todos e todas o que nós non somos quen de protexer?

Ademáis, esta instalación da Carricova era unha homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, veciñas desta rúa, que aquí mesmo sufriron a opresión dun réxime autoritario que trouxo unha guerra e moita dor e destrución. Que clase de xente somos que non somos quen de acariñar a memoria de quen sufriu polas liberdades que hoxe gozamos? E así como honramos o legado das persoas que viviron no barrio antes ca nós?

Non somos asi. E ti?

Uns datos para rematar esta reflexión:

25 persoas traballaron durante 2 meses para preparar unha instalación de ganchillo; outras tantas traballaron o venres e o sábado para facer a instalación. Foi no seu tempo libre e sen retribución; puxeron o seu tempo e o seu diñeiro, si, pois A Xuntanza non ten cartos para axudalas e só se recibiu unha pequena axuda que non cubriu o 100% do custe dos fíos, táboas, arames e outros materiais.

Neste barrio as cousas son así, hai moita xente que desinteresadamente achega o seu tempo, cartos, saber… polo ben común. É o seu esforzo xeneroso o que permite o traballo das Aghullas, a Feira da Primavera, a Cacharela ou esas festas que tanto vos gustan. Hai tamén unha pequena minoría que non sabe ben vivir en comunidade e destrúe o traballo dos demáis, mexa na porta dunha casa ou rouba as plantas; son xente nova pero tamén maiores e cada quen debería reflexionar e asumir a parte de culpa que lle corresponde, por facelo, por non prevelo ou por consentilo.

É evidente que hai quen non ve que vivir no barrio máis bonito do mundo ten un prezo: respetalo,coidalo e acariñalo.

 

 

 

03. Marzo 2016 · Comentarios desactivados en O 12 de marzo, día E de Escaleira · Categories: A Xuntanza, O Barrio

As da Aghulla andan estes días embarcadas nun novo proxecto que estrearán o sábado 12 de marzo. Sí, era para o 5 pero visto que choverá van adialo un pouco, a ver se hai máis sorte a semana que ven.

Trátase dunha proposta que busca non só vestir o barrio de cores senón tamén facer unha pequena homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart.

Estas dúas mulleres, coñecidas tamén como As Marías, foron veciñas da Rúa do Medio e por isto a intervención ganchilleira terá lugar na contorna desa rúa.

O desafío é facer unha instalación na rúa e escaleira da Carricova, enchela de cores; para isto levan varias semanas traballando. Será -se o tempo e a autoridade o permiten- unha instalación permanente que quedará alí para que todos e todas a podamos disfrutar.

Contan neste proxecto coa colaboración de Lanas Katia, que fixo doazón dun bo lote de lás, dos dous establecementos de lás que temos no barrio (Madeixas e Fainotí) e do Cafe Bar Rey, que é onde se reúnen. Grazas a todos e todas.

Son unhas artistas asi que seguro que quedará ben lindo.

16. Febreiro 2016 · Comentarios desactivados en Curso de teléfono mobil para maiores · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Tes unha certa idade e tes inseguridade no manexo do teu teléfono mobil?

Xa tes unha certa destreza pero quererías mellorar?

Achegate ao curso que haberá o día 24 da man das Aulas da Terceira Idade e da Fundación Vodafone España.

Será o mércores 24 deste mes, de 6 a 7.30 da tarde, no noso local.

Aproveita esta oportunidade e trae contigo ás amigas e amigos que vexas que poden aproveitar. Non hai que anotarse.

13. Outubro 2015 · Comentarios desactivados en Sábado 24, Mercado do Caracol · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Xa en pleno outono, é hora de facer inventario de todo o que temos en bo uso pero que nos sobra ou a lista daquelo que poderíamos comprar se o atoparamos a bo prezo. Temos xa á vista un novo Mercado do Caracol.

Xa sabedes en que consiste: convidamosvos a traer todas esas cousas e a vendelas, regalalas ou cambealas; traede cartos no peto porque haberá boas gangas; aproveitade para visitar os establecementos comerciais da rúa do Home Santo.

 A cita é o sábado 24 de outubro, de 12 a 14h. Sí, mudamos un pouco o horario para non ter que madrugar tanto asi que a caracolada pode comezar a armar o posto a partir das 11h.

Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións e mandanos un email a axuntanza01@gmail.com pero OLLO: anotate antes do xoves 22 ás 22h e lembra que é un mercado de barrio, non admitimos nin artesáns nin negocios que non sexan da rúa.

Atención: Se o prognostico meteoróloxico é de choiva, a actividade será cancelada.Estade atentos/as á web ou Redes Sociais.

06. Outubro 2015 · Comentarios desactivados en Reunións no Concello · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Nestas dúas últimas semanas tivemos algunhas reunións co goberno municipal.

A primeira foi co Concelleiro de Espazos Cidadáns.

Foi un encontro de toma de contacto e nel falamos un pouco por enriba dos temas que nós consideramos máis relevantes do barrio en relación á súa concellaría. Tamén comentamos a marcha das obras de Quiroga Palacios e da necesidade de sinalizar mellor os percorridos de tráfico alternativos, da necesidade de pechar e sinalizar os buratos da obra (algo descoidados ao noso entender e perigosos) e da conveniencia de prender as luces no tramo xa rematado pois é perigoso.

Falamos tamén de xeito panorámico doutros temas que quedarán para reunións posteriores:

  • Necesidade dun plan de mobilidade para a cidade e para o barrio. Seica vai poñerse en marcha en canto se poda.
  • O moito interese que temos en que se faga un ascensor na rúa Triacastela e, aproveitando e se pode ser, un aparcamento soterrado para residentes. Ao fío disto comentou el a posibilidade de facer outro, tamén para residentes na zona da Trisca-Canteiro para dar servizo á zona de Quiroga Palacios. Son propostas que quedamos en madurar e concretar.
  • Amosouse partidario da peonalización progresiva da Rúa de San Pedro. Nós tamén, sobre todo en momentos como o verán ou en actividades e campañas de interese do comercio do barrio. En calquera caso queremos un plan global para o barrio antes de acometer nada decisivo pois, insistimos, de nada vale salvar a rúa de San Pedro se todo ese tráfico vai a rúas como Fraguas ou Lagartos con menor capacidade para os coches.
  • Falamos do necesario que é abrir xa a rúa Tomiño para dar mellor acceso ao CEIP Apostolo Santiago e á Escola Municipal de Música. O tráfico que por esta causa sufren Concheiros-Angustia-Betanzos é excesivo.
  • Comentamos tamén as posibilidades da Casa da Xuventude. Insistimos en que queremos que todo se faga ben e, sobre todo, que se teña en conta o resto do Parque de Belvís que está abandonado. Lembramoslle que en primavera fixemos unha petición para que este parque teña a mesma condición e tratamento que a Alameda e Bonaval, por canto son moi relevantes os seus valores patrimoniais.

Foi unha xuntanza breve pero serviu para marcar os fitos principais do traballo para os próximos meses. Quedamos emprazados para revisar estes e outros temas en breve.

 

A semana pasada estivemos co Alcalde.

O perfil da reunión foi similar pois entregamos en xullo un amplo dossier cos asuntos e propostas que nós consideramos relevantes para o barrio; así que, simplemente, falamos un pouco de todo para poñelo ao día e que quedaran claras as cousas que nós entendemos prioritarias para o barrio.

  • Revisamos algúns temas xa falados co Concelleiro de Espazos Cidadáns, como o plan de mobilidade ou as obras de Quiroga Palacios e nós insistimos nos mesmos conceptos. A este respecto, solicitamos novamente a instalación dun radar itinerante no barrio para controlar a velocidade da Rúa de San Pedro, Lagartos e Calzada de San Pedro, mentres non se implementan as medidas do Plan de Mobilidade. Avisamos e insistimos nos riscos diarios da veciñanza que usa esas rúas pola velocidade e agresividade dos coches.
  • Comentamoslle o importante que é o mantemento da cidade e dos nosos barrios, pois entendemos que é algo transversal a todos os servizos e que nos aforraría moitos investimentos gravosos cando todo está estragado e mellora a nosa percepción da cidade. Seica isto é complicado porque temos unha brigada de obras ben pequena, pero toma nota.
  • Insistimos na importancia que ten para o barrio o CEIP Apostolo Santiago, ademais de ser o único centro público de ensino no barrio é tamén un dos poucos equipamentos públicos que temos. Para nós é crucial mantelo, dinamizalo e facelo medrar. Pedimos que se atendan as demandas presentadas pola AMPA e dirección sobre equipamentos, accesos, etc.
  • Barallamos tamén usos da Casa da Xuventude e falamos do Parque de Belvís e da necesidade de que sexa convenientemente arranxado e coidado.
  • Plantexamos ao Alcalde a obriga moral que ten o concello de volver a facerse cargo dos gastos do noso local social. O seu custe (entre 12/15mil euros ao ano) é unha migalla nos orzamentos municipais pero supón tanto para a nosa asociación como para as persoas que usan o local un esforzo económico importante. Sen esquecer que se non fora por nós o barrio carecería agora da programación sociocultural que merece polo seu volume demográfico.O Alcalde tomou nota do recado e comprometeuse a miralo, entendendo tamén que é un gasto modesto e é de xustiza a nosa reincorporación á Rede de Centros Socioculturais.

Coa concelleira de Políticas Sociais na reunión do Grupo Sociocomunitario de Barrio

O grupo Sociocomunitario do Barrio de San Pedro é un espazo de traballo que compartimos diversas entidades e departamentos municipais que traballan no barrio. Na reunión de inicio deste curso estivo a concelleira de Políticas Sociais así que tivemos oportunidade de (re)coñecela e tamén de explicar o proxecto no que levamos case un ano traballando: o de convertir o noso barrio nun espazo amigable para as persoas maiores.

Este proxecto -do que faremos un post exclusivo un día destes- atópase agora na fase de investigación, na realización de conversas con persoas maiores do barrio para saber como eles e elas perciben o seu entorno e os servizos que empregan.

A concelleira manifestou o seu apoio á iniciativa e comprometeu a súa axuda no que puidesemos precisar, principalmente para incorporar as conclusións do traballo tanto nas políticas sociais como nos demais departamentos.

 

 

 

 

 

 

23. Setembro 2015 · Comentarios desactivados en 3 de outubro: Un barrio en forma. Xornada de deporte na rúa · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

cartaz do barrio en forma

Hai quen di que hai que facer exercicio e estar en forma. Pero, que é estar en forma?
Ao cabo, redonda é unha forma, e cadrada; e é que mesmo cousas como os macarróns teñen unha certa forma (si, acaracolada). Si, estamos en forma redonda, triangular e mesmo en forma atlética.
Reflexionando sobre estes conceptos e por petición popular decidimos deseñar unha xornada para, como barrio, descubrir este concepto de “estar en forma” (sexa a que sexa).
Será o sábado 3 de outubro de 10 a 14h.

  • Onde?

Na rúa, que é onde facemos todas as cousas importantes neste barrio. Neste caso, na Rúa do Home Santo, que será peonil e estará despexada de coches.

  • Que faremos?

Investigaremos en común que é iso de “estar en forma” cun amplo programa de actividades aberto á toda a veciñanza. Poderemos practicar as nosas disciplinas favoritas ou probar cousas novas; desde logo, botaremos unhas risas e moveremos o esquelete, cada quen segundo as súas ganas e capacidade. Hai un completo programa, con moito para elixir

  • Concretamente?

Haberá ioga, baloncesto, brilé, volei, xogos tradicionais, pilates… mesmo esgrima ou danza oriental. Todo en pequenas dosis de 45 min.

  • Hai que anotarse?

Non, abonda con presentarse, preferentemente con roupa axeitada. Trae compañía, o exercicio en grupo é máis divertido.

Lembrade, sábado 3  a partir das 10h na rúa do Home Santo. Quen dixo medo?

25. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en SÁBADO 27 DE XUÑO, ESPAZO CIDADÁN NAS FESTAS DO BARRIO DE SAN PEDRO · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

O Espazo Cidadán é un foro aberto que terá lugar ao longo do sábado 27. É o espazo dedicado dentro das Festas do Barrio de San Pedro a aprender e a repensar o mundo en que vivimos e como podemos transformar colectivamente a nosa realidade. Como o ano pasado, este evento é organizado conxuntamente pola AC do Barrio de San Pedro (AKA Comisión de Festas) e a AV A Xuntanza.

Estrutúrase en 3 bloques: feira de entidades asociativas, mesas redondas temáticas e momentos nos que os micrófonos estarán abertos a aquelas entidades e persoas que queiran proxectar ás súas iniciativas.

Na feira e micros abertos participarán máis dunha ducia de entidades tanto do barrio como doutras zonas da cidade; son de vocación social, cívica e mesmo artística.


As mesas redondas debullarán 3 temas de relevancia para o barrio e a cidade como comunidades en desenvolvemento e propoñense máis como conversas abertas co público que como debates académicos. Tal e como sucedeu o ano pasado, búscase unha aprendizaxe e reflexión colectiva que resulte dinámica e participativa.

O Espazo estará instalado na Praza 8 de Marzo e funcionará das 10 ata as 21h, co seguinte programa:

  • 12-13.30h. Mesa 1: Participación Cidadá. Artellando o común
    • Martiño Noriega (Concello), Agustín Pena (AV Raigame), Rosa Muñiz (Cidadanía)
  • 17-18.30h: Mesa 2: Que fai unha moza coma tí nun lugar coma este? Mulleres no heteropatriarcado
    • Sonia Méndez (directora de cine), Patty Castro (música e impulsora do proxecto Mulleres Kañeras Galegas) e Leticia Jorge (xerenta de AESGAL)
  • 18.30-19h: Micros abertos
  • 19-20.30h: Mesa 3: Rar@s somos tod@s. Vidas Independentes
    • Paula Fernández Suárez (Down Compostela), Anxela López (Foro de Vida Independente), Laura Bugallo (activista), Marisa López (ASPANAES), Rebeca Raso (activista)
  •  20.30-21h: Micros abertos

Haberá unha actividade previa, ás 10h que busca dinamizar o emprendemento no Barrio de San Pedro e crear un pequeño espazo no que emprendedores (presentes e futuros) podan coñecerse e intercambiar experiencias. O obradoiro Emprender no barrio de San Pedro. Emocións e resultados, realizase en colaboración coa Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo dentro das actividades do programa Santiago Urbana Norte.