- A Xunta de Galicia ten un plan para “embelecer” os Camiños de Santiago, incluído a parte que está no noso barrio.
- Ten preparado un avance de proxecto que inclúe a reforma da Cruz de San Pedro-Concheiros-Rodríguez de Viguri e Avda. de Lugo.
- Houbo dúas reunións abertas á veciñanza na que se explicou (sen entregar papeis) o que se quere facer.
- Nas dúas reunións pedironse achegas concretas:
- Estudo de mobilidade, para saber como vai quedar o tráfico peonil e de coches e o seu impacto no resto das rúas do barrio.
- Estudo do impacto que vai ter este proxecto no comercio da rúas Concheiros e San Pedro, agora durante a obra e despois, pois non queremos que se ince de albergues, tendas de souvenires e bares con terrazas.
- Plano concreto e detallado do que se vai facer: se van mudar todos os servizos ou non, acabados, mobiliario urbano…
- Dado que desaparecerá mais da metade do aparcamento de Concheiros e outro tanto ou mais en Rodríguez de Viguri, que se fagan antes da obra os aparcamentos de Triacastela e Altiboia
- A día de hoxe non houbo resposta afirmativa a estas peticións por parte da Xunta -que é quen paga boa parte dos custes-, nin do Concello -que teima en que deamos o visto bó a un proxecto que non da garantías de futuro ao barrio nin resposta ás demandas-, que quere que a reforma custe o menos posible para as arcas municipais. Se é necesario executando unha obra que non se considera axeitada.
A PROPOSTA PARA O EIXO AVDA. DE LUGO-RODRÍGUEZ DE VIGURI
Antecedentes:
- Este conxunto de vías formou parte da circunvalación da cidade pero foi perdendo este carácter. Non obstante, continua sendo utilizada como tal sobre todo para conectar o Ensanche cos barrios urbanos do Norte (Vite, Cancelas, Almáciga, San Pedro) pois sair a SC-20 supón prolongar substancialmente os percorridos.
- O punto crítico deste eixo é a chamada rotonda de Concheiros, onde se cruza co Camiño Francés.
- A zona da Avda de Lugo ten unha crecente relevancia na conexión do barrio das Fontiñas e Viso co centro urbano e o barrio de San Pedro, aínda que o numeroso tráfico fai dificil a transición entre zonas.
- Rodríguez de Viguri é simplemente unha rúa abandonada, a medio camiño entre unha estrada e unha rúa.
- En todo o percorrido hai numerosos negocios que dependen dun bo acceso por coche a eles; son establecementos que dan servizo á zona e á cidade e que xurden aproveitando a existencia de locais de gran tamaño, o bo acceso das rúas e o seu carácter medianamente central na cidade (talleres, comercios).
- Desde o punto de vista do Barrio de San Pedro debe analizarse este eixo en función de:
- Presenza no barrio de 3 centros escolares, máis outro (Lasalle, que se sirve da rúa de nós para acceder)
- Presenza en Fontiñas do Centro de Saude, na entrada da rua Londres inmediato ao ascensor de Triacastela.
- A rotonda de Concheiros é a via principal de acceso ao barrio e a única con capacidade de absorver un certo volume (tanto en número como en tamaño) de vehículos.
- O comercio de Concheiros e do eixo Rodríguez de Viguri-Avda de Lugo é altamente dependente de clientes procedentes tanto de Fontiñas como das parroquias do NE (San Lázaro, San Marcos), que usa a cotío o coche. Non se trata de primar a presenza dos vehículos pero si de pensar neses negocios.
- Non está clara neste momento a reorganización do servizo de transporte público da cidade. En teoría fará da Avda de Lugo-Rodriguez de Viguri un eixo de mobilidade rápida, aproveitando a súa potencialidade.
A proposta
Nas reunións mantidas polos técnicos e o concelleiro coa veciñanza explicáronse os obxectivos da intervención, aínda que non se aclarou como van acadalos, máis alá de facendo unha obra. Novamente estamos ante un documento base ou de partida, no que quedan moitas cousas por decidir.
O plan sería solucionar o conflito que segundo eles hai na rotonda de Concheiros, xa que os peregrinos confundense ao non ter claro o camiño a seguir. Queren aproveitar a solución deste suposto problema para “embelecer” a zona, de xeito que a vista de entrada á cidade sexa máis placenteira.
Isto conseguiríase:
- Facendo desaparecer a rotonda de Concheiros, que pasaría a ser unha plataforma sobreelevada (como a de Montero Ríos) na que pasarían os peregrinos e peóns nun cruzamento ordenado por semáforos.
- Convertendo Rodríguez de Viguri e a Avda de Lugo en boulevares con tráfico máis calmado.
- Construíndo dúas novas rotondas para facilitar os xiros que quedarían eliminados pola pasarela de peregrinos dos Concheiros: unha á altura do Conservatorio e outra á altura da Rúa de Londres.
Imos por partes (marcamos noutra cor a nosa opinión):
- A rotonda de Concheiros
É evidente que é un pouco caótica pero seguramente máis pola súa configuración anticuada; é o acceso principal aos barrios de Fontiñas e San Pedro. A proposta consiste en facer desaparecer o que hai e substituilo por un paso como o de Montero Ríos, no que os peóns van poder pasar en calquera dirección. Os coches só terán permitidos algúns xiros e sempre regulados por semáforos.
Xa se verá -porque queda ao albedrío dos funcionarios de Tráfico- como será a configuración final pero si sabemos que a saída e entrada dos coches a/desde Concheiros vai ter que facerse a través das novas rotondas e non de xeito directo.
Isto é que para ir a San Lázaro haberá que ir á rotonda da rúa Londres e para entrar vindo desde o Ensanche haberá que ir dar a volta á do Conservatorio.
Aínda comprendendo a necesidade de mellorar a mobilidade peonil e de coches, esta solución supón -desde a nosa perspectiva- pechar o barrio. Descoñecemos -por non terse feito un estudo- o impacto desta idea tanto no comercio da zona como no conxunto da nosa mobilidade: escaparán os coches polas Fraguas para sair directamente á rotonda de abaixo? Ou pola rúa do Home Santo para incorporarse á de arriba? Teremos coches dando voltas pola Costa do Vedor para aparcar en Concheiros?.
Explicousenos que se avaliou a posibilidade de soterrar os coches ou soterrar o Camiño e que as propostas foran descartadas por razons estéticas e porque impedirían que o novo edificio da Xunta tivera unha saída despexada na rotonda do Conservatorio (isto non o dixeron así pero é evidente) pero ninguén aclarou porque non é suficiente facer un bo paso peonil e unha única rotonda mais grande e algo máis abaixo da actual.
Non se nos describiu con claridade a disposición dese novo espazo, máis alá da súa preferencia peonil e do compromiso de que será flexible e que se o formato non vale, poderá mudarse.
Non obstante, algún dos técnicos comentou que levaría árbores e nos planos filtrados á prensa (a nós non nos deron nada) parece que si, que haberá árbores no que hoxe é a rotonda, seguindo a liña do Camiño. É dicir que os peregrinos camiñarían de Fonte dos Concheiros a Concheiros por un espazo aarborado. Non vemos como unha plataforma elevada con árbores, semáforos, farolas etc pode ser flexible e mudar a súa configuración con facilidade se o plan previsto non funciona; definitivamente parte en dous a circulación e conexión entre Rodríguez de Viguri e a Avda de Lugo.
Dado que leva anos mudar a frecuencia dun semáforo calquera ou que se sinalice correctamente case calquera cousa (véxase a Rúa de San Pedro), isto é inaceptable para nós. Queremos unha solución viable e razoable xa desde o principio pois pasará moito tempo antes de poder mudar nada.
E con isto voltamos ao inicio: é necesario facer un estudo da mobilidade no conxunto da zona antes de facer nada. Non nos valen modelos automatizados que só estudan o tráfico no eixo Avda Lugo-Rodriguez de Viguri, que é o que se presentou e omiten que Concheiros é a nosa saída e entrada natural.
- A Avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri
Quedarían configuradas como avenidas urbanas perdendo ese aire de circunvalación que aínda teñen. Sería pouca obra, en termos de proxecto, pero o cambio no aspecto será importante e contribuirá notablemente a mellorar a percepción da zona.
Con todo, non se resolven os problemas plantexados na anterior reunión e que afectan sobre todo á mobilidade:
- Non se presentou un proxecto nin concreto nin básico para esta intervención máis alá do asunto das rotondas.A reforma de Rodríguez de Viguri vai ser importante e a veciñanza debería coñecela polo menos superficialmente antes de nada. Debería saber como vai quedar, cando vai ser, canto tempo…
- Na Avda de Lugo vaise conservar a estrutura actual, da calzada central e carril de servizo e as árbores. Ademais de mudar o final (na actual rotonda de Concheiros), vaise levantar unha mediana para separar os dous sentidos coa fin de calmar un pouco a velocidade dos coches e se vai construir unha rotonda á altura da rúa Londres. Ese tráfico de coches máis calmado tería como finalidade facer máis permeable a comunicación entre un lado e outro da avenida.
Parecenos ben acertado o obxectivo de calmar o tráfico e de dar a esta zona un aire máis urbano e menos de estrada provincial.
Non temos claro, pola contra, o impacto no comercio da zona e na súa accesibilidade en coche (moi importante). Máis alá disto nos preocupa que o eixo de transito peonil Concheiros-Centro de Saude (e barrio de Fontiñas) pola rúa Triacastela, que xa é hoxe fundamental, quede condicionada na súa posición e na súa seguridade por esa rotonda.
Hoxe os coches chegan a ese cruzamento Avda de Lugo-Londres a través dun semáforo e aínda así moitas veces veñen a velocidades inadecuadas que obrigan aos peóns a unha continua vixilancia para non arriscar máis do necesario. Que pasará cando o encontro peóns-coches sexa ao sair dunha rotonda? Non o vemos claro, pero tampouco se nos deron explicacións e garantías.
Queremos lembrar que vimos de gastar moito diñeiro nun ascensor para mellorar ese corredor peonil que nos leva ao Centro de Saúde, ao Instituto, ao Multiusos, ao Colexio de Fontiñas…
- En Rodríguez de Viguri a filosofía sería semellante, ampliando as beirarrúas, creando unha mediana central e unha rotonda á altura da estación de autobuses. Desaparecería unha boa parte do aparcamento.Concordamos na necesidade e inspiración deste concepto pero botamos en falta un proxecto que nos diga como vai quedar, se vai a haber substitución de servizos (saneamento, auga…) ou se estamos falando dunha intervención cosmética.Tamén nos gustaría (porque levamos 4 anos pedindo información) saber cal é o proxecto para esta zona unha vez desapareza a estación de autobuses. O entronque de Rodríguez de Viguri con Home Santo vai ser como agora? Non? Como vai a afectar iso á xente da zona? O novo proxecto da Xunta vai pensar onde meter os coches ou van ocupar as nosas prazas? Vai servir para que a parte alta da rúa deixe de ser unha especie de descampado ou vai integrarse na zona e mellorar a percepción da rúa?
- Esas prazas de aparcamento que desaparecerán en Rodríguez de Viguri se compensarían co espazo destinado a este fin na rúa da Altiboia. O aparcamento -previsto desde 2015- segue sen facerse. De se aprobar os orzamentos do Concello para este ano 2019 comezaría a facerse, en caso contrario haberá que agardar a 2020. Non está claro o seu uso. Non nos vale un megaaparcamento que vai a estar ateigado de coches da Xunta desde as 8 da mañá ou de xente do Conservatorio polas tardes; nós necesitamos prazas dispoñibles para residentes e negocios da zona.
Sen urxencia pero sen despistarnos, quereríamos ver tamén o proxecto deste aparcamento. A proposta presentada en 2015 tiña algunhas deficiencias desde o punto de vista do barrio de San Pedro que conviría subsanar.
- As rotondas da rúa Londres e da rúa Monte dos Postes
Ao desaparecer a de Concheiros estes fitos emerxen como reguladores principais da mobilidade dos coches na zona. Convén lembrar que cando falamos de coches hai que entender: coches da xente que vive e traballa en San Pedro, da que ven ao barrio a visitar, a comprar ou aos nosos recursos (colexios, equipamentos culturais), da que da soporte á nosa vida (servizos), pero tamén do transporte público e mesmo servizos de emerxencia (ambulancias e bombeiros camiño á nosa zona e a unha parte do centro histórico).
É un nudo fundamental de entrada e saida do barrio e a nosa función como Asociación Veciñal é preservar a funcionalidade e usabilidade. Pode que teña que desaparecer pero entendemos como evidente que as rotondas que a substituan deben dar o mesmo servizo.
Insistimos: ninguén nos explicou porque se desbotou unha rotonda normalizada nese mesmo cruzamento. Ninguén presentou un estudo de mobilidade da zona, só vimos unha modelización do ben que funcionaría o eixo Avda Lugo-Rodríguez de Viguri con esas novas rotondas.
Seguimos pensando que a mobilidade do barrio merece que alguén -a poder ser independente da Xunta- estude rigorosamente esta idea.
- A rotonda da rúa Londres pasaría a ser o acceso principal do Barrio de Fontiñas e para a veciñanza de San Pedro que saia por Concheiros sería o punto de xiro para ir cara San Lázaro ou San Caetano.
Como xa dixemos, desde o noso punto de vista, este emprazamento debe estudarse con moito coidado pola súa posible interferencia co cruzamento peonil que da servizo ao Centro de Saude e á rúa Triacastela.
Ademais de descargar o cruzamento de Concheiros, non vemos outra razón a isto, que cargaría de coches a rúa Londres -que hoxe é de tráfico calmado-, aínda que diso debería opinar a veciñanza daquela zona.
- A rotonda de Rodríguez de Viguri nace no mesmo contexto.
Botamos de menos que se nos explique a futura configuración desta zona cando desapareza a estación de autobuses porque o cambio vai ser importante tanto polo peso do tráfico de coches como o de persoas. Esta rotonda ten que dar servizo a iso tamén.
Non sabemos se vai a haber intervención no tramo final da rúa do Home Santo, no seu entronque con esta rotonda.
Non sabemos como vai a afectar á rúa Home Santo, hoxe de tráfico calmado e estreita: irán os coches de Concheiros por alí para entroncar directamente coa rotonda? De cantos coches estamos falando?
Como garantimos que a certas horas (saidas Xunta, Conservatorio) esa saída por Home Santo non vai quedar bloqueada?
Parece que quere usarse para potenciar o uso da rúa Monte dos Postes. Alguén debería mirar iso.
- O transporte público
É fundamental nun barrio que ten preferencia pola mobilidade peonil e que, como o resto da cidade, está crecentemente envellecido; sen esquecer que unha parte do barrio da Almáciga e da zona do Monte dos Postes sírvese a través de nós.
Sabemos que o novo mapa de liñas de transporte público está pendente da licitación do servizo. Máis alá da situación das paradas -que por certo non se nos explicou para esta zona-, sabemos como vai a afectar esta configuración ás liñas? Por poñer uns casos:
-
- A liña 0 (pola que levamos 10 anos loitando) vai sair de Quiroga Palacios para subir á rotonda de arriba para baixar a Concheiros?
- A liña 11 vai sair pola rúa Berlin e darnos servizo á altura dos xulgados? Terá que subir a aquela rotonda e logo baixar.
- O resto das liñas? Terán que subir para logo baixar. Pensamos que co tempo acabarán desaparecendo os servizos que temos e ninguén nos deu razón de todo isto nin o seu impacto na nosa vida e negocios.
Esta parte do proxecto presenta desde o noso punto de vista cousas moi boas pero outras que son claramente negativas. A sensación predominante é a da dúbida e a incerteza. Unha vez máis hai demasiadas preguntas sen resposta, demasiadas cousas que quedan para que o futuro as resolva.
Falamos da mobilidade peonil e de coches que é un elemento básico do barrio e da súa vida actual e futura pois unha configuración errada resultará en incomodidades para a xente, dificultades para os negocios e desaparición de servizos.
Por iso queremos que se estude con calma e pensando tamén nas nosas necesidades. Entendemos tamén que a Xunta ten as súas, pois quere mirar polos peregrinos e conectar mellor os seus edificios (San Caetano, San Lázaro e Cidade da Cultura) pero non pode ser que as cousas se fagan a costa do noso barrio e as nosas condicións de vida.
Dado que os intereses son encontrados, queremos un estudo técnico de mobilidade -independente da Xunta- e participado polo Concello e pola veciñanza onde se procure dar solución a todas as necesidades, as súas e as nosas. E unha avaliación do impacto de todo isto no noso comercio.
Non podemos, con honestidade, concordar cunha intervención que hoxe ten demasiadas preguntas sen resposta e na que os elementos básicos quedan sen resolver á boa vontade e acerto de técnicos que, como ben se ve, non teñen claras as necesidades do noso barrio.