24. Xullo 2016 · Comentarios desactivados en Orzamentos Participativos 2016 · Categories: A Xuntanza, O Barrio

A estas alturas xa ben sabedes que somos partidarias de promover a transparencia e fórmulas de participación dos nosos socios e socias e tamén do resto da veciñanza neste complexo esforzo de facer barrio e construír un futuro mellor para a nosa pequenas comunidade. Como podemos e cos nosos precarios medios, traballamos por facer realidade este obxectivo.

Entendemos que así debería facerse a todos os niveis, nas administracións e entidades que nos gobernan e que administran os bens e servizos comúns. Por este motivo, saudamos positivamente a iniciativa do goberno municipal para poñer en marcha procesos de Orzamentos Participativos, é dicir, procesos nos que a veciñanza poderá opinar e decidir sobre o destino dos cartos que son de todos e todas.

Nós -como moitas outras asociacións de todo tipo da cidade- pertencemos ao grupo Motor, aquel que acompaña o proceso, discute as normas do xogo, etc. Asistimos xa a varias reunións e non podemos negar que houbo dialogo e debate, moitas preguntas e algunha preocupación; ao cabo, as asociacións somos como as persoas e damoslle moitas voltas as cousas cando se trata de iniciar novos camiños e temos inseguridades e nos pesa a responsabilidade.

O proceso desenvolverase en diversas fases e ao longo de varios anos nas distintas zonas da cidade, asi que temonos que preparar para cando nos chegue o momento de entrar a fondo e decidir. Entretanto a nosa implicación nos orzamentos ten dúas liñas claras: o acompañamento ao proceso a través do grupo motor e a participación nas propostas e decisións para o conxunto da cidade.

Queremos convidarvos a seguirnos, como veciñas e veciños comprometidos co barrio e a cidade, neste camiño. Queremos animarvos a presentar propostas, a acudir ás asambleas de diagnose e debate, a reflexionar sobre esta fermosa cidade que construímos cada día e a decidir sobre as cousas que poden mellorala. Coma sempre, a vosa opinión é importante e o acto de responsabilidade que implica participar e decidir fainos mellores veciños e veciñas.

Aquí tendes algúns datos importantes:

  • Na web Compostela Decide tendes a info principal sobre o proceso
  • A primeira asamblea cidadá será o xoves 28 de xullo no CSC do Ensanche ás 19.30h
  • A AV a Xuntanza está barallando propostas para presentar, aplicables ao conxunto da cidade. Serán decididas na reunión da directiva que teremos á volta das vacacións (previsiblemente o 6 de setembro). Intentaremos facelas chegar aos socios e socias antes, para enriquecelas coas súas achegas.
  • Podedes presentar as vosas propostas directamente a través da web de Compostela Decide ou nas Asambleas pero como nós (como Asociación) poderemos presentar ata 5 proxectos, se queredes facernos chegar as vosas ideas ou dúbidas, mandadenos un email a info@axuntanza.org
  • Dous exemplos de procesos en marcha noutras cidades, para ter mellor idea do asunto

Asi que aproveitade os longos e fermosos días de verán e o tempo libre que tendes para ver a cidade con outros ollos e imaxinar propostas BBB (boas, bonitas e baratas) que a melloren!

 

 

 

05. Xuño 2016 · Comentarios desactivados en Sábado 11 de xuño, Día do Barrio · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

O Día do Barrio é unha xornada especial.

Ese día

  • aprenderemos a compartir e coidar os nosos espazos públicos
  • colaboraremos para mellorar o aspecto das nosas rúas e recunchos
  • e, como  non podía ser menos, pasaremos un bo rato cos nosos veciños e veciñas.

Por que?, porque:

  • O barrio é a nosa casa e nós temos que ser os primeiros en coidalo, no día do barrio e nos outros días do ano; non queremos suplantar aos servizos municipais.
  • Porque somos moi creativ@s e podemos facer cousas moi chulas

A cita será o sábado día 11 de xuño a partir das 11h na Cruz de San Pedro, ata as 14h

Que necesitades?

  • Ganas de traballar
  • Anotarte mandandonos unha mensaxe a info(arroba)axuntanza.org, non porque sexa obrigatorio senón porque asi podemos organizar mellor as tarefas.

Que faremos?

Un pouco de todo, como os anos anteriores, en función da cantidade de xente que participe. Pero desde xa, algunhas ideas que precisan da vosa colaboración e tendes que comezar a traballar nelas:

  • Facer deseños nas beirarrúas e prazas con xogos
  • Recollida de alimentos para o Banco de Alimentos
  • Instalación dunha mostra de Urban knitting
  • e moitas cousas mais
05. Maio 2016 · Comentarios desactivados en O 21 de maio, Mercado do Caracol · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Trae a túa casa ás costas ao Mercado do Caracol

Pensamos que estes tempos complicados son perfectos para simplificar as nosas vidas, para interiorizar a práctica dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para ser máis solidari@s.

Lembras esa cafeteira en perfecto estado que esmorece nun armario da túa casa? Esa lámpada que realmente nunca conseguiches encaixar na túa sala? E aqueles patíns tan lindos? A bici estatica-percheiro?… Fai inventario, simplifica a túa vida e trae contigo todas esas cousas pois aqui poderás vendelas, trocalas ou mesmo regalalas.

Soñas con renovar a túa mesiña de noite cunha lámpada resultona e eficiente? Gustaríache equipar mellor a túa cociña? Tes grandes proxectos para este curso e precisas accesorios deportivos?… Este é a túa oportunidade.

Que algunha das túas trapalladas é grande? Trae a unha foto e poderás atopar quen o necesite.

Buscas… pero non sabes moi ben que? Leva a túa lista, porque nas nosas casas hai moitas cousas durmindo polas esquinas que mellor estarían noutro fogar.

 … e aínda poderás redescubrir unha zona do barrio e os seus establecementos comerciais. É o día perfecto para facer compras nos negocios desta rúa ou para tomar un bó almorzo

 A cita é o sábado 21 de maio na Rúa do Home Santo, das 11 ás 14h.

 Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións

26. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Quen poda dicir que é de San Pedro de sempre, que levante a man · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Hai alguén?
Pois vai resultar que estás un pouco errad@.
Vivimos nun sitio que naceu como cidade no momento exacto en que armaron o asunto do Apóstolo así que, non, ti non es do barrio de toda a vida porque, simplemente, aquí non sempre houbo vida e ademais, non había ninguén. O mesmísimo Cristovo Francés -o eremita que fundou a capela da Angustia aló polo século XV- era, como o seu nome indica, de orixe gala.

Se observamos os planos antigos -coma este que achegamos de 1796- é aínda máis evidente: o barrio e as nosas rúas foron conformándose co paso do tempo, a medida que as xentes foron chegando doutras zonas da cidade, doutros pobos, doutras terras. É así como medrou o barrio en tempos remotos e medievais pero tamén hai 40 anos, cando as nosas persoas maiores chegaron do Pino, Arzúa ou Melide e tomamos aire de cidade, ou hoxe, cando a xente máis nova chega de todos os recantos do mundo.

Non foi en van que nos chamaron, noutro tempo, Os Estados Unidos. Somos o resultado dunha fusión, da mestura de xentes de diferente orixe: mulleres e homes, rural e urbano, da contorna ou de terras afastadas. O que uniu ás persoas que viviron aquí antes que nós – e o que nos une hoxe – é outra cousa, non é un pasado común senón o desexo de construír un futuro. Será porque vivimos na fronteira ou porque somos como o socalco -conformado por capas que se van pousando-, que somos un tanto cosmopolitas, tendentes á autoxestión, algo descreid@s, ás veces brav@s, cun forte sentimento identitario e dad@s a mirar cara adiante e non cara atrás. Igual nesta mestura está a explicación de todo.
O que nos dá forma, mentres vivimos neste barrio, é o desexo de pertencer a esta comunidade, nada máis.
Isto ven ao fío do que será o eixe central da Feira da Primavera deste ano: a sensibilización sobre unha acollida cálida e xenerosa a quen busca unha vida mellor fuxindo da guerra, da fame e da opresión ou de quen simplemente necesita cambiar de aires para reconstruír o seu proxecto de vida.

Somos un barrio aberto e, como tal, honrando a memoria de quen viviron aquí antes ca nós, acolleremos a quen queira vir e construír o seu futuro entre nós. Así, tamén, faremos barrio.

 

12. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Tanto esforzo… para nada? · Categories: A Xuntanza, O Barrio

plano ceip apostolo santiagoPara nós un cole público é un equipamento fundamental nun barrio. No noso, con tan poucos edificios e servizos públicos é un referente basico. Sí, temos outros coles e son benvidos e queridos pois tanto as direccións como as ANPAs participan activamente na nosa vida comunitaria e compartimos idearios e forma de ver o mundo. Pero, ao cabo, son entidades privadas e están suxeitas ás súas propias decisións; que pasaría se decidiran marchar?

Ben sabedes como levamos anos -nós e outras entidades do barrio- nun rexuvenecemento demográfico. Non se trata de botar a ninguén pero é imprescindible atraer xente nova, sangue novo para dar vida ás nosas rúas, ao noso proxecto común e aos nosos negocios.

Xa só por isto é imprescindible un centro público en San Pedro.

Sabedes tamén que o noso cole público de referencia, o CEIP Apóstolo Santiago estivo a piques de desaparecer, teóricamente por falta de alumnado. Cedeuse unha parte do edificio para instalar a Escola Municipal de Música, exactamente o 50%; a metade dereita do plano que adxuntamos; e para acoller aos nenos e nenas dividironse moitas aulas. Como se dí en fútbol, achicaronlle espazo.

Foi o inmenso esforzo das familias e do centro o que permitiu a súa supervivencia e conseguiron invertir a tendencia. Hoxe, cada novo curso, hai máis nenos e nenas e iso é bo para o cole e para o barrio.

Tamén é bo para todo o mundo o proxecto educativo que defende, baseado na integración de nenos e nenas independentemente das súas circunstancias e na riqueza que esa diversidade achega a cativos e cativas e, a través deles, ao conxunto da sociedade. Foi e segue sendo un proxecto modélico e un referente na cidade; e todo grazas fundamentalmente ao esforzo e xenerosidade da comunidade educativa.

Por isto vemos hoxe con moita preocupación certas cousas:

  • o alumnado medra e o ano que ven cubriranse os cupos máximos de moitos cursos o que implica que 25 nenos e nenas terán que se acoplar en aulas que agora acollen a menos dunha ducia.
  • as aulas máis grandes teñen arredor de 35 m cadrados e hai algunha -vista por nós- na que caben pouco máis de 10 mesas.
  • que as aulas de infantil apenas permiten espazo para traballar cos cativos e cativas
  • que continua sen existir un patio cuberto e no inverno o recreo faise, simplemente, na aula (seica isto vai mudar)
  • unha parte importantísima do orzamento escolar vaise en pagar a calefacción.
  • boa parte do barrio aínda non está incluída no distrito deste centro de xeito que o colexio de referencia é outro (Sar, Fontiñas)
  • non está clara a convivencia do servizo de comedor (nun edificio anexo, ao outro lado do patio) cos novos locais de ensaio alí construídos; de feito nin está claro que todos os nenos e nenas podan comer sen estar amoreados o curso que ven.

É certo que estas non son novedades e que veñen de lonxe pero isto non é excusa para esquecelas, e preguntamonos:

  • van quedar nenos e nenas do barrio que teñan solicitado praza fóra do cole?
  • que vai pasar cos nenos e nenas que xa están? pasarán o curso amoreados como sardiñas?
  • que vai suceder no futuro?
  • non sería conveniente reformar o mapa escolar deste centro (e, en xeral, da cidade) para que cada quen vaia ao cole máis próximo?

Todo isto foi trasladado á administración (local e autonómica) por nós e pola comunidade escolar e o certo é que aínda que recoñecen o problema o que responden resulta incerto.

Este colexio -que é o grupo escolar máis antigo da cidade- tivo polideportivo, un enorme patio (hoxe comido por edificios municipais), auditorio, espazo de comedor, aulas máis que suficientes, espazo amplo para profesorado e administración e -mesmo no plano orixinal- un museo. Que queda diso? unhas poucas aulas máis ben pequenas, un mini espazo para a dirección e pouco máis.

É evidente que a cidade ten unha débeda con este centro e comunidade educativa. Non se trata de desprazar a Escola Municipal de Música -aínda que nós temos clara a nosa preferencia- pero compren solucións, e dentro do barrio.

Deberes: despois desta reflexión, botade un ollo a este interesante artigo “El cole es vida y la vida es barrio”

 

01. Abril 2016 · Comentarios desactivados en A pacificación do tráfico na rúa de San Pedro: unha oportunidade para todo o barrio? · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Ben sabedes -porque así o sentides tamén vós-  que a mobilidade no Barrio de San Pedro é a nosa grande preocupación; hai anos que as distintas directivas esfórzanse neste asunto porque entendemos que todos e todas temos dereito a camiñar e vivir no barrio sen medo a ser atropeladas, sen tropezar nos coches, sen obstáculos que nos impidan movernos e relacionarnos, sen vibracións ou ruídos que perturban o descanso nas casas.

Entendemos tamén que boa parte das nosas rúas son espazos patrimoniais e que a constante agresión do tráfico rodado non é boa para a súa conservación. Tanto coche polo medio non só nos molesta senón que tamén degrada o valor deste legado e a importancia social que lle damos.

Desde estes presupostos, as distintas directivas reclaman desde hai anos -case desde o século pasado- unha ordenación da mobilidade, un plan feito por expertos que dera solución ás nosas inquedanzas, e non solucións parciais nacidas dunha brillane idea dun técnico/a ou un concelleiro/a. Ao cabo, o cuñadismo está ben na tele pero non nos asuntos que afectan á vida das persoas e ao patrimonio herdado.

O que vemos

A análise da mobilidade no barrio que fixo un experto contratado polo concello en xuño de 2007 deixou as cousas ben claras:

  • en diversas rúas do barrio hai situacións permanentes de risco para a integridade das persoas, como na rúa Lagartos ou na Calzada de San Pedro.
  • Arredor do 70% do tráfico que pasa por aquí (rúa de San Pedro-Concheiros, eixo Angustia-Bonaval) é de paso, ven dunhas zonas da cidade e vai para outras, non para no barrio.
  • A rúa de San Pedro soporta mais tráfico que calquera dos dous sentidos de Virxe da Cerca e, aínda sendo moitos coches, os peóns que usan esa rúa son moitos máis (o dobre, exactamente).

Aquí pouco mudaron as cousas. Non temos datos actuais pero é evidente ademais que:

  • Non é de recibo que máis de 250 autobuses pasen cada día pola rúa de San Pedro.
  • Se en horas concretas de calquera día, o espazo peonil desa rúa está saturado, en verán resulta insufrible pola presenza de peregrinos varios a pe e en bici.
  • Se a rúa de San Pedro se pecha ao tráfico non hai grandes perturbacións no conxunto da cidade pero no barrio si que hai importantes consecuencias. A máis relevante delas é que -como os coches son como a auga- zonas tranquilas como a rúa das Fraguas ou a rúa que atravesa o Parque de Belvís convértense en mini autopistas, con moito coche e velocidades innecesarias.
  • Que os condutores interpretan as sinais de limitación de velocidade a 20 km/h na Rúa e Calzada de San Pedro como un accesorio urbano interesante pero non como algo a respectar segundo o prescrito na Lei de Seguridade Vial.
  • O peche do corredor dos Basquiños trouxo un incremento temporal no volume de tráfico en San Pedro-Concheiros-Bonaval que en parte se mantén; trouxo tamén unha destrución da calzada nos Concheiros e un dano importante no corredor Angustia-Bonaval-Valle Inclán.

O que fixemos nestes anos

  • Loitar por un plan global de mobilidade para a cidade e, no seu defecto, para o barrio, que comprenda o tráfico rodado, o transporte público, as necesidades da veciñanza e os negocios, a desaparición de barreiras (escaleiras de Triacastela, Bispo Teodomiro), os pavimentos das beirarrúas, etc. Mobilidade é o acto de moverse non só ordenación dos coches e neste “novidoso” concepto nós fumos pioneiras, como no do estacionamento de residentes.
  • Solicitar repetidamente a peonalización da rúa de San Pedro os meses de xullo e agosto -salvando o transporte público, carga e descarga e servizo aos residentes-, para evitar os riscos de seguridade por mor da sobresaturación do tráfico peonil.
  • Reclamar a peonalización, ou cando menos a restricción forte do tráfico parásito, na rúa Lagartos.
  • Reclamar e propoñer medidas que contribúan á unha verdadeira pacificación do tráfico rodado no barrio como forma de acadar unha mobilidade máis equilibrada. A maioría de nós imos a pé pero resulta que os coches crean riscos innecesarios e dificultan actividades como a socialización da veciñanza ou as compras porque hai moitos coches e dominan agresivamente o espazo público. ¿quen non foi pola rúa de Belvís cun coche pitandolle?
  • Escoitar como unha vez e outra, diversos responsables políticos concordaban na necesidade de equilibrar a convivencia coches/peóns no barrio, especialmente na Rúa de San Pedro sen tomar medidas realmente efectivas nesa dirección.

 E agora?

Non é cousa de dicir ¡Era Visto! pero é que é asi. No seu momento avisamos de que arranxar a rúa de San Pedro e investir alí 500.000 euros sen un plan para pacificar o tráfico rodado non tiña moito sentido porque non hai pavimento non asfaltado que resista moito tempo 5 ou 6000 vehículos ao día. O mesmo sucederá en Concheiros de facerse obra sen planificar o día despois.

É evidente que a rúa quedou mellor e máis comoda pero paga a pena? Foron moitos cartos e moito sufrimento de veciñanza e comercios da rúa. De teimar neste modelo de mobilidade é evidente que en 3-4 anos -se non antes- haberá que plantexar un novo peche, esta vez para arranxar a parte de arriba. E outra vez a empezar co lío.

Escoitamos nos medios de comunicación a intención do goberno municipal de avanzar cara a outro modelo, de poñer en marcha medidas puntuais entretanto se elabora o plan de mobilidade para a cidade. Parece -aínda non falamos con eles- que a medida estrela será a progresiva pacificación do tráfico rodado en San Pedro, limitando o tráfico dos coches algunhas tempadas (verán e fins de semana). É unha proposta ben interesante.

Hai quen fala de peonalización. Agora ben hai algunha rúa 100% peonil nesta cidade? mesmo no  Obradoiro hai coches. Falemos, pois, de pacificar ou equilibrar a convivencia vehículos/peóns.

Entendemos que, en calquera caso, un movimento neste sentido:

  • debe ter en conta o impacto desa limitación de tráfico no resto do barrio, nomeadamente no corredor Parque de Belvís-Bispo Teodomiro-Fraguas.
  • pode preservar o transporte público que da servizo ao barrio, aínda que hai que revisar algunhas liñas “parásitas” que pasan con autobuses baleiros cara destinos exóticos e ir pensando en adaptar os autobuses (enormes) á cidade (histórica e apretada) e non á inversa, como agora.
  • non pode significar ateigar a rúa de terrazas ou obstáculos varios
  • deberíamos aproveitar para ir instalando medidas activas e pasivas que leven no resto do barrio a unha pacificación xeral do tráfico de xeito que -agás Rodríguez de Vigurí e Avda de Lugo- todo sexa de xeito efectivo o que en tráfico chaman zona 20.

O certo é que se o tráfico de paso no barrio se reducira substancialmente, os buses fosen máis pequenos e os vehículos fosen mais tranquilos e entenderan que non todo o espazo e seu, boa parte de todo este lío non sería necesario.

Pensade, cal é a actitude dun vehículo privado que cruza a rúa do Vilar un día as 6 da tarde? cal é a dese mesmo coche pasando pola rúa de San Pedro ou polas Fraguas? Ese é o primeiro cambio que queremos.

 

 

 

 

13. Marzo 2016 · Comentarios desactivados en O Barrio é a nosa segunda casa: non o fagas, non o consintas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Ao longo desta noite alguén destruíu boa parte do traballo que As da Aghulla instalaron na escaleira da Carricova. Non temos palabras para transmitirvos a súa desolación e non temos cara suficiente para soportar a vergoña propia e allea que agora mesmo sentimos e que sabemos que sentirá moita xente ao pasar hoxe por alí.

Si, xa sabemos que estes feitos son cousa dunhas poucas persoas pero pensamos que é necesario facer unha reflexión colectiva sobre isto e sobre o que cada quen de nós fai. Entendemos que o barrio (e a cidade) son a nosa segunda casa; as nosas rúas e prazas son como unha extensión dos nosos salóns e cociñas pois alí vivimos, alí xogamos, falamos, facemos amizades e construímos as nosas vidas e afectos.

Que di de nós, como persoas e como comunidade, un suceso como este?

Que non nos respectamos o suficiente como persoas e como barrio; que moito falamos de vivir no mellor barrio do mundo pero que no fondo tanto nos ten que sexa un estercoleiro; que nos queixamos das persoas que rouban o que é de todos e todas, sen entender que o respecto ao común comeza polo respecto aos espazos que compartimos pois estragalos supón o custe de arranxalos; que tanto nos ten que as nosas rúas se transformen nun barrio como tantos, anodino e aburrido.

E iso o que somos? o que queremos para o barrio? Pensade nisto cando vedes a alguén tirando un papel nunha xardiñeira, roubando unha planta, mexando nunha esquina, deixando atrás os excrementos da súa mascota ou aparcando nunha beirarrúa.

Se non somos quen de protexer e facer respectar o que é de todos e todas, como pretendemos que os demais nos respecten? con que argumento pedimos a outros, por exemplo, ao concello que pague dos cartos de todos e todas o que nós non somos quen de protexer?

Ademáis, esta instalación da Carricova era unha homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, veciñas desta rúa, que aquí mesmo sufriron a opresión dun réxime autoritario que trouxo unha guerra e moita dor e destrución. Que clase de xente somos que non somos quen de acariñar a memoria de quen sufriu polas liberdades que hoxe gozamos? E así como honramos o legado das persoas que viviron no barrio antes ca nós?

Non somos asi. E ti?

Uns datos para rematar esta reflexión:

25 persoas traballaron durante 2 meses para preparar unha instalación de ganchillo; outras tantas traballaron o venres e o sábado para facer a instalación. Foi no seu tempo libre e sen retribución; puxeron o seu tempo e o seu diñeiro, si, pois A Xuntanza non ten cartos para axudalas e só se recibiu unha pequena axuda que non cubriu o 100% do custe dos fíos, táboas, arames e outros materiais.

Neste barrio as cousas son así, hai moita xente que desinteresadamente achega o seu tempo, cartos, saber… polo ben común. É o seu esforzo xeneroso o que permite o traballo das Aghullas, a Feira da Primavera, a Cacharela ou esas festas que tanto vos gustan. Hai tamén unha pequena minoría que non sabe ben vivir en comunidade e destrúe o traballo dos demáis, mexa na porta dunha casa ou rouba as plantas; son xente nova pero tamén maiores e cada quen debería reflexionar e asumir a parte de culpa que lle corresponde, por facelo, por non prevelo ou por consentilo.

É evidente que hai quen non ve que vivir no barrio máis bonito do mundo ten un prezo: respetalo,coidalo e acariñalo.

 

 

 

03. Marzo 2016 · Comentarios desactivados en O 12 de marzo, día E de Escaleira · Categories: A Xuntanza, O Barrio

As da Aghulla andan estes días embarcadas nun novo proxecto que estrearán o sábado 12 de marzo. Sí, era para o 5 pero visto que choverá van adialo un pouco, a ver se hai máis sorte a semana que ven.

Trátase dunha proposta que busca non só vestir o barrio de cores senón tamén facer unha pequena homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart.

Estas dúas mulleres, coñecidas tamén como As Marías, foron veciñas da Rúa do Medio e por isto a intervención ganchilleira terá lugar na contorna desa rúa.

O desafío é facer unha instalación na rúa e escaleira da Carricova, enchela de cores; para isto levan varias semanas traballando. Será -se o tempo e a autoridade o permiten- unha instalación permanente que quedará alí para que todos e todas a podamos disfrutar.

Contan neste proxecto coa colaboración de Lanas Katia, que fixo doazón dun bo lote de lás, dos dous establecementos de lás que temos no barrio (Madeixas e Fainotí) e do Cafe Bar Rey, que é onde se reúnen. Grazas a todos e todas.

Son unhas artistas asi que seguro que quedará ben lindo.

16. Febreiro 2016 · Comentarios desactivados en Curso de teléfono mobil para maiores · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Tes unha certa idade e tes inseguridade no manexo do teu teléfono mobil?

Xa tes unha certa destreza pero quererías mellorar?

Achegate ao curso que haberá o día 24 da man das Aulas da Terceira Idade e da Fundación Vodafone España.

Será o mércores 24 deste mes, de 6 a 7.30 da tarde, no noso local.

Aproveita esta oportunidade e trae contigo ás amigas e amigos que vexas que poden aproveitar. Non hai que anotarse.

03. Novembro 2015 · Comentarios desactivados en ACTIVIDADES DO CURSO 2015-16 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

E aquí está un ano máis o noso programa de actividades para o curso. Como veredes, manteñense moitas actividades e horarios para permitir a permanencia dos grupos.


Antes de seguir lendo, algunhas cousas importantes:

  • Os grupos comezan o 1 de outubro
  • A matrícula será do 23 ao 30 de setembro (nos días laborables) de 19 a 21h
  • É obrigado matricularse.
  • As actividades son abertas a todas as persoas, se ben as non socias farán unha achega de inscrición de 10 €
  • A inscrición é gratuíta para os socios e socias ao día nas súas cotas (podedes pagalas ao facer a inscrición).
  • Como o noso local segue sen reincorporarse á Rede Municipal de Centros Socioculturais, mantense a achega de 2€ para axuda dos gastos do local.

E este é o programa

1.- BAILE GALEGO: Martes de 20:00 a 21:00 horas* (Iniciación)/ de 21:00 a 22:00 horas* / de 22:00 a 23:00 horas*

Monitor@: Felisa Segade *Prezo a repartir entre cada grupo.

2.- CANTO: Mércores de 10:30 a 11:30 e de 13:00 a 14:00h; Venres de 16:00 a 18:00 horas. Clases individuais.

Monitor@: Paulina Ceremuzynska.

3.- CERÁMICA: Mércores de 19:00 a 20:30 horas – 27 €/mes.

Monitor@: Juana

4.- CROCHET:(ganchillo) Mércores de 20:30 a 22:00 horas – 27 €/mes.

Monitor@: Juana

5.- CORTE E CONFECCIÓN / Arranxos de roupa:Martes 18:00 a 20:00 horas.

Monitor@: Susa Garcia Xoves 18:00 a 20:00 horas – 27 €/mes.

6.- GAITA: Xoves de 20:30 a 22:30 horas – 18 €/mes.

Monitor@: Marcos Varela

7.-KIGONG: Luns de 17:00 a 18:00 horas e Venres de 9:00 a 10:00 horas – 11€/mes.

Monitor@: Maite

8.- IOGA: Luns de 19:00 a 20:30 horas – 17 €/mes.

Monitor@: Maite

9.- PILATES:Luns e Mércores de 9:00 a 10:00 horas, e de 18:00 a 19:00 horas – 22 €/mes.

Monitor@: Maite Sábados de 9:00 a 10.00 horas – 10 €/mes.

10.- LINGUA DE SIGNOS: (Básico-I) Xoves de 17:30 a 19:00 horas.

Monitor@: Galensigna (Básico-II) Xoves de 20:00 a 21:30 horas – 20€/mês.

11.- PANDEIRETA E CANTO: Venres de 18:00 a 19h (Nivel I), de 19:00 a 20:00 horas (Nivel II),

Monitor@: Jara de 20:00 a 21:00 horas (Nível III) – 28 €/mes. (Esta actividade empezase 9 de outubro).

12.- TEATRO:Luns de 21:00 a 23:00 horas – 18 €/mes.

Monitor@: Beatriz Bravo

13.- COIRO (Iniciación): Luns de 20:00 a 21:30h– 30 €/mes.

Monitor@: Fer

 14.-Tamboril – Percusion tradicional:Martes de 20:00 a 21:00 horas (Iniciación); 21:00 a 22:00 horas (Perfeccionamento)

Monitor@: Arantxa 25 €/mes. Esta actividade, impartirase no Centro Sociocultural da Trisca.

.15.- REQUINTA: Venres de 20:30 a 22:00 horas – 20 €/mes.

Monitor@: David

 16.- TEATRO / Monográfico:Sábados (un ao mes)de 10:00 a 14:30 horas – Prezo a repartir entre o grupo.

Monitor@: Nekane

17.-TECNICAS DE BORDADO: Venres de 16:30 a 18:00 horas – 25 €/mes.

Monitor@: Mª Carmen

 18.- DANZA ORIENTAL: Venres de 21:00 a 22 horas – 20 €/mes.

Monitor@: Dajira

19.- MEDITACIÓN: Xoves de 19 a 20:30 horas

Monitor@: Zinnia