
No Capítulo anterior:
- A Xunta de Galicia ten un plan para “embelecer” os Camiños de Santiago, incluída a parte que está no noso barrio.
- Ten preparado un avance de proxecto que inclúe a reforma da Cruz de San Pedro-Concheiros-Rodríguez de Vigurí e Avda. de Lugo.
- Agás a Cruz de San Pedro e a actual Rotonda de Concheiros, o resto non pertence ao trazado histórico delimitado pola Xunta para o Camiño.
- Houbo dúas reunións abertas á veciñanza nas que se explicou (sen entregar papeis) o que se quere facer.
- Nas dúas reunións pedíronse achegas concretas:
- Estudo de mobilidade, para saber como vai quedar o tráfico peonil e de coches e o seu impacto no resto das rúas do barrio.
- Estudo do impacto que vai ter este proxecto no comercio da rúas Concheiros e San Pedro, agora durante a obra e despois, pois non queremos que se ince de albergues, tendas de souvenires e bares con terrazas.
- Plano concreto e detallado do que se vai facer: se van mudar todos os servizos ou non, acabados, mobiliario urbano…
- Dado que desaparecerá mais da metade do aparcadoiro de Concheiros e outro tanto, ou mais, en Rodríguez de Viguri, que se fagan antes da obra os aparcadoiros de Triacastela e Altiboia
A día de hoxe non houbo resposta afirmativa a estas peticións por parte da Xunta -que é quen paga boa parte dos custos-, nin do Concello -que teima en que deamos o visto bo a un proxecto que non da garantías de futuro ao barrio nin resposta ás demandas- que quere que a reforma custe o menos posible para as arcas municipais. Se é necesario executando unha obra que non se considera axeitada.
A PROPOSTA PARA A RÚA DOS CONCHEIROS
Antecedentes
- Malia a delimitación feita pola Xunta de Galicia, a rúa dos Concheiros é a entrada histórica do Camiño na cidade. O goberno e a Xunta do Partido Popular modificaron o trazado sen achegar probas históricas concluíntes e sen que tivera lugar a exposición pública do novo trazado.
- A Xuntanza nunca entendeu ese cambio, malia loitar durante anos para consultar a documentación; entendemos -e vemos agora con certa razón- que o que se buscaba era desprotexer unha parte do barrio, pode que para facer mellor as obras, pode que para especular mellor cos locais e edificios.
- En todo caso, hoxe é a rúa mais importante en termos económicos do noso barrio pois da servizos non só aos nosos 9.000 veciños e veciñas senón tamén a xentes de Fontiñas, as Cancelas e San Lázaro – San Marcos.
- Preservar este comercio é estratéxico para o barrio; cando as tendas desaparezan chegarán os albergues, souvenirs e bares para peregrinos. Daquela, sen servizos, todo o esforzo por repoboar e rexuvenecer o barrio, por dinamizar o comercio etc. irá polo sumidoiro.
- Este carácter fundamental da rúa aplícase tamén na mobilidade: os coches, transporte público e viandantes que veñen por aquí entran e saen para achegarse a rúas como Home Santo ou Fraguas, que son mais estreitas e calmadas.
- Defendemos por enriba de todo a mobilidade peonil, que é a nosa principal, pero pensamos que precisa de dúas cousas: estacionamentos (para que a xente non mova o coche) e transporte público.
- A veciñanza percibe o fenómeno da peregrinación e turismo, como unha ameaza á súa forma de vida dun xeito crecente, sen que ninguén faga nada por limitar este impacto.
Á vista diso, na anterior campaña electoral e xa antes e despois de xeito recorrente, na asociación veciñal A Xuntanza hai unha consigna ante unha posible obra en Concheiros: non se debe facer sen existir aparcadoiros para residentes e sen un estudo do impacto na mobilidade e no tecido comercial.
A proposta
O 29 de abril tivo lugar a última reunión sobre este asunto; viñeron a explicar a intervención Eduardo Cruz -arquitecto responsable-, Carlos Lefler -técnico da Xunta de Galicia- e Jorge Duarte -concelleiro responsable-. Presentaron -sempre verbalmente- unha proposta que contiña o concepto que a Xunta quere desenvolver nesa rúa, algo así como a filosofía xeral e uns planos e alzados con vistas xerais.
Os puntos máis significativos son -marcamos noutra cor as nosas dúbidas sen resposta-:
- A rúa dos Concheiros ademais de ser entrada histórica do Camiño é un eixo vertebrador do noso barrio e porta de acceso aos barrios da Almáciga e Fontiñas. O treito San Pedro-Concheiros é unha vía de tráfico peonil e de coches usado por milleiros de persoas cada día e un corredor comercial de gran dinamismo que sobreviviu á crise grazas ao esforzo do empresariado e ao compromiso da veciñanza co seu barrio. Calquera intervención feita sen pensar nestas funcións pode danar o fráxil equilibrio existente e dar pé a turistización da zona.
Non vemos neste proxecto unha preocupación por coidar isto. Non se presentou -e se pediu- estudo do impacto da obra no comercio da zona, nos servizos da veciñanza; non hai un plan de obra para poder prepararnos; non hai unha idea de como limitar a turistización.
Tal é como nos o vemos, do correcto tratamento do arranxo da rúa dos Concheiros depende en boa medida a supervivencia do tecido comercial e con ela, do propio barrio na súa esencia.
Igual somos catastrofistas pero non queremos que o noso esforzo colectivo por un proxecto de futuro quede danado por facer as cousas con presa. Por iso pensamos que hai que mirar ben as cousas e tomar as decisións con información.
- A rúa queda estruturada en dúas beirarrúas de diverso ancho: a impar quedaría máis ou menos como está agora, mentres que a par chegaría até os 7 metros, conformando unha especie de “autoestrada” para os peregrinos xa que segundo parece veñen mais por ese lado.
Para que queremos nós unha autoestrada de peregrinos? Para quen é esta obra? Como xustifica o concello que se arranxe unha rúa -que é do concello e non pertence ao Camiño- para mellor gloria dos peregrinos?
Con que criterio se decide esta diferencia nas beirarrúas? Porqué parte da veciñanza poderá aspirar a instalar ascensores exteriores no seu edificio -o ancho da beirarrúa agora daría- e outra non? Porque uns locais van poder poñer terraza e outros non? Vaise aplicar esta diferenciación na base do IBI?
Que vai impedir que nese novo espazo non teña bares con terrazas, concesións de postos (xeados, churros) e bicicletas circulando? Falamos de solucións reais non de ordenanzas e cousas que logo non se vixilan.
- Beirarrúas e calzada serían basicamente de formigón pulido, o que melloraría os resultados cando haxa obras pequenas e facilitará o mantemento, aínda que se diferenciarán visualmente. A rúa sería un continuo, como a rúa de San Pedro no tramo de abaixo, ao mesmo nivel.
Concordamos na necesidade de unificar pavimentos e de que sexan accesibles e doados de manter e mesmo pode que dean cor e vida á rúa (o proxectado ten algo de cor) pero dubidamos do resultado real da solución ao mesmo nivel porque vai ser difícil garantir que coches e bicis queden na calzada e non invadan as beirarrúas.
- Arrimada á beirarrúa máis ancha habería unha liña de árbores de alto porte (uns 12 metros/3-4º pisos). Baixo elas estarían as prazas de estacionamento.
Quen garante que as árbores non quitarán luz ás vivendas cando medren e que non estragarán a perspectiva da rúa? Porque non poden ir árbores dun tamaño máis humano? Pretenden tapar a outra beirarrúa e que non se vexa?Son moi altas xa de partida e a rúa é das máis anchas da cidade, non entendemos porque se achica. Tampouco se nos explicou.
Non se definen as características do estacionamento ou se os coches van en liña ou en batería (o número varía), así que non se sabe canta zona de aparcadoiro vai quedar. Dependerá do departamento de Tráfico.
Nós propuxemos -tamén na última reunión- un proxecto artístico (cores e figuración) para as fachadas dos edificios porque somos conscientes da necesidade de mellorar ese aspecto pero non hai rastro del. Tapar non é solución.
- Non queda clara a configuración final e integral dos servizos pois non consta no que se presentou (que é un documento básico) nin se deron garantías.
Van mudar o colector de abastecemento de auga que baixa da Almáciga -que é de fibrocemento-? Vanse renovar as acometidas das casas e as conducións de auga, pluviais e saneamento existentes…ou imos agardar que rompa para abrir a rúa nova e arranxalo?
Dinse que van poñer colectores de lixo soterrados pero eses só poden ir nun dos lados da rúa -por causa dos camións-.É unha condena para sempre a que o tráfico da rúa (e do barrio) quede condicionado ao servizo de lixo sen facer ningún tipo de estudo sobre a mobilidade?
- Entre esta obra, a da Cruz de San Pedro e a de Rodríguez de Viguri desaparecerán unha morea de prazas (mais de 100) nunha zona na que xa non hai. Por iso, era condición sine qua non a construción de aparcadoiros para residentes na Altiboia e en Triacastela antes de comezar a obra; non compensarán a perda pero cando menos mitigarán un pouco.
Está previsto arranxo da parcela da rúa da Altiboia contigua ao Conservatorio para que sexa aparcadoiro pero iso vai ser cando se aproben os orzamentos de 2019.
Non queda claro o uso deste aparcadoiro, se vai ter zonas reservadas a residentes ou non; se vai ser de pago ou non. O peor que nos pode pasar é que resulte como o de longa duración de Pontepedriña, cheo de coches parasitarios por unha cantidade módica ao día pero non temos garantías de que iso non sexa así.
Do de Triacastela: Sería un espazo para residentes no descampado actual, estruturado en espiña para aproveitar ao máximo o espazo. No mellor dos casos se faría ao mesmo tempo que a obra da rúa.
Non hai previsión de que facer cos coches da veciñanza durante a obra, tanto os da rúa como os que están en garaxes (mais de cen).
- Como se vai a organizar a mobilidade peonil e dos coches unha vez termine a obra? A proposta presentada conserva de inicio a dobre dirección actual, aínda que limita as saídas e entradas da rúa pola zona da rotonda, xa que se supeditan á obra daquela zona. Toda a rúa será de limitación de 30 km/h con frecuentes pasos peonís para pacificar o tráfico. Desaparecen as dúas paradas de bus actuais en cada sentido e se funden nunha soa que estará no centro (zona de Triacastela). As bicis irán pola calzada. En calquera caso, o deseño da rúa permitirá ese dobre sentido ou o sentido único en calquera dirección. Non obstante, queda todo á decisión do Departamento de Tráfico.
Entendemos que a mobilidade desta zona ten que ser estudiada en detalle porque é zona de intensísimo trafico peonil pero tamén de moito servizo en coche veciñal (acceso a outras rúas dentro do ámbito do barrio) e comercial (para nós e para barrios adxacentes).
O tráfico peonil e de coches está pensado como de entrada -é dicir da Avda de Lugo, San Lázaro ou Fontiñas- cara a Concheiros -Cruceiro pero para nós, o uso predominante é completo: nós entramos pero tamén saímos por Concheiros, que é parte do eixo vertebrador da nosa mobilidade.
Entendemos que a súper ampliación dunha das beirarrúas levará a que as bicis -sobre todo as dos peregrinos- circulen por elas sen que nada as controle, tal e como ven sucedendo da rúa de San Pedro.
Cal é o criterio para fusionar as paradas de autobús? Como quedará o transporte público? Que liñas van quedar no corredor San Pedro-Concheiros?
Veciñanza, por exemplo, de Fraguas ou Betanzos que agora fai 200m até unha parada terá que facer 400m ou mais. Que vai pasar coa liña 0 e o bus eléctrico que vimos pedindo desde hai 10 anos? Esa liña e as súas paradas deben pensarse para o mellor uso das nosas veciñas e veciños de maior idade e non temos claro que unha única parada en Concheiros sexa útil para iso.
O proxecto para a avda. de Lugo/Rodriguez de Viguri vai cortar a saída directa de Concheiros pero nada garante que os coches parasitos non atallen pola Costa do Vedor ou, chegado o caso, Home Santo.
Todo queda á sorte do Departamento de Tráfico pero o certo é que a nosa experiencia neste sentido é negativa (miremos a Rúa de San Pedro). O tráfico é como a auga, busca o seu lugar e debería preverse as consecuencias.
- O proxecto presentado difire nalgúns aspectos do presentado en xullo e do de outubro, por exemplo, na aparición desa “autoestrada” de peregrinos e é incompleto. E todo vaise facer antes de decembro de 2020.
Visto que presenta moitas dúbidas, desde o noso punto de vista, que garantía temos de que as nosas achegas van ser incorporadas? Que capacidade temos de incidir nel? Definitivamente, poucas.
Que garantías temos de que con eses prazos se vai manter este proxecto e non vai a haber recortes en materiais, mobiliario… (a rúa de San Pedro no tramo de abaixo tardou un ano en facerse e traballaron sen parar).
Concordamos plenamente coa necesidade da intervención e con moitos puntos do documento básico, como son a flexibilidade, o gañar espazo peonil, o uso de pavimentos accesibles, uniformes e con cores ou a necesidade de mellorar o Camiño ao paso polo noso barrio.
Pero á vista do escoitado -lembrade que non temos papeis e polo tanto garantías- resúltanos moi difícil darlle o visto bo. Hai demasiadas preguntas sen resposta, demasiados riscos para vida e negocios das persoas e para o futuro desta nosa comunidade. Non podemos, en conciencia e desde a honestidade apoiar unha proposta que arrisca aquelo polo que levamos anos traballando: dinamismo económico, renovación demográfica, accesibilidade, sentimento de pertenza e de comunidade.
A verdade é que é moi bonito, pero igual está algo verde e non resulta acaído para a nosa situación.
Pedimos diálogo, reflexión e un proxecto completo e detallado pero sobre todo que non nos rouben o futuro.