12. Abril 2022 · Comentarios desactivados en Obradoiro de Collage primaveral · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

Queres aproveitar estes tempos de agromar da natureza e de explosión de cores, sons e texturas para aprender outro xeito de expresarte artísticamente? Este obradoiro de collage é unha boa oportunidade!

É unha proposta da vella escola, de colaxe analóxica con elementos vexetais.

Logo de ver exemplos inspiradores e coñecer a técnica da colaxe (ferrramentas, trucos, composición visual…), faremos a nosa própria creación, usando imaxes xa creadas de xornais e revistas vellas e dándolles un novo sentido. Inscríbete e trae ganas de experimentar coa tesoira e crear colectivamete!

Formación impartida por Sabela Iglesias

IMPORTANTE:

Será o próximo venres 29 de abril de 17.30 a 20.30h

Prezo: 12 €

Para anotarse: escríbenos

23. Marzo 2022 · Comentarios desactivados en Reunión no Dpto de Obras o 18 marzo 2022 · Categories: Uncategorized

O día 17 de Marzo, o Concello convoca de maneira urxente e de xeito precipitado unha reunión coas asociacións do barrio -tedes o noso parecer ao respecto nas nosas redes sociais-, para poder dar unha explicación de primeira man sobre as novas respecto dos posibles paros e suspensión das obras no Barrio, así como da nova situación da execución da obra de Triacastela.

O aparcamento de Triacastela

A empresa concesionaria da obra de Triacastela, ven de solicitar a renuncia da mesma por mor da situación actual de inestabilidade en prezos e subministro de materiais. Tras un intento de negociación por parte do Concello para adiar o inicio da mesma, a empresa decide non seguir adiante.

O Concello ven de comezar os trámites administrativos necesarios en relación a esta renuncia. Á pregunta de se iso supón unha nova saída a concurso da obra, a solución que presenta o Concello é que sexa a propia Brigada Municipal de Obras quen a realice. Nun primeiro momento de xeito provisional unha intervención no firme (botar zahorra e deixar o estacionamento listo) e no momento que se teñan as autorizacións pertinentes por parte de intervención e contratación proceder á realización do total do proxecto previsto.

Dende A Xuntanza insistimos na prioridade de dispor de estacionamento alternativo á gran perda deste na obra de Concheiros, que sexa accesible dende o ascensor xa que o túnel previsto pode causar sensacións de inseguridade a certas horas polas falta de iluminación. Pídese que na explanada se retiren as rochas e muros para deixar o sitio o mais despexado posible; comprométense a retirar as irregularidades no chan e incluso o muro que separa a explanada. Tamén se solicita que poñan un foco ou algunha iluminación aínda que sexa partindo desde a zona do ascensor pero que alumee en toda a zona de aparcamento. 

Os tempos que barallan para a realización desta intervención por parte da Brigada sería aproximadamente dunha semana dende o momento no que se teña o material a disposición. E de ser posible o valado inicial sería o próximo día 21 para que a veciñanza vaia retirando os vehículos estacionados.

Avisamos que non queríamos dar avisos falsos que leven a confusión así que se comprometeron a ser serios e que a obra se faga así que se dea o aviso de retirada.

Pediuse a habilitación do aparcamento da Avda de Lugo, nas dúas beirrarúas, de espazo de residentes nocturno, carga e descarga… Non pode ser, temos que falalo nós co departamento de Mobilidade.

Sobre a Obra de Concheiros

O contexto internacional, os paros de transporte e a falta de subministro de materiais pode supoñer a suspensión temporal da obra. Isto afecta directamente aos avances na mesma. Neste momento a empresa ten un expediente sancionador polo que xa a execución está fora de todos os prazos previstos; todo este lío do transporte, … van descontalo.

A idea orixinal era que estivese finalizada o mais gordo da obra a finais de Marzo, pero non vai ser posible. Non dan estimación de prazos porque neste momento non é posible facelo.

Representantes da asociación empresarial manifestan o seu descontento a este respecto xa que a motivación de adiar a este mes a campaña de Bonos Corazón viña da man de ter a rúa mais despexada e operativa para facilitar o movemento polo barrio. Neste momento continúa igual que no mes de Febreiro e o perxuizo para algúns establecementos é notorio.

En relación con isto, solicitouse que eses traballos cos lastros (adoquíns) na zona da Cruz se paren e se monten eses materiais en Concheiros entre as árbores (nas franxas de estacionamento) para que polo menos podan retirarse os valados desta zona e comecemos a ver o final desta obra. Responderon que non se pode modificar o plan de obra.

Dende A Xuntanza se lles traslada que isto ven tamén dos retrasos anteriores e se solicita que para a celebración do San Xoán e as Festas do Barrio poda estar finalizada a obra. O Concello da por suposto que para esas alturas (Xuño) xa estará todo rematado. Nós non o temos tan claro!

Paisaxismo e acondicionamento de Concheiros. O Concello non lembran que quedasen en contactar con algunha empresa de paisaxismo para buscar alternativas a escolla de especies que puxeron (comentaron que hai algunha árbore que está agora mesmo de camiño paralizada nunha estación de servizo). As representantes da Xuntanza manteñen que nunha das primeiras reunións sobre a obra foi información facilitada dende o departamento; en todo caso, sempre se dixo -por activa e por pasiva- que non queremos árbores altas que quiten o sol das casas (e visto o visto, tapen as luminarias).

Preguntamos os motivos polos que non se pode abrir o paso de vehículos de San Pedro a Concheiros xa que están accedendo dende A Angustia por riba da pedra. San Pedro está totalmente illada e supón ademais situacións de perigo en rúas paralelas, nas que moitos coches buscan alternativas (dobre sentido en rúa do Medio, circular marcha atrás en Rosario/Bonaval…) A resposta é que foi decisión do departamento de mobilidade. Non teñen resposta.

Confirman que a calzada no Torreiro (paso Fraguas-Concheiros) modificouse o plano para que poda ser dobre sentido (ou non) segundo decida a Concellería de Mobilidade. Unha parte do tránsito iría pola zona con lastros (adoquines) e a outra pola zona de pedra. O total da parte de calzada é de 5,5 ou 6 metros.

A pesar que a Xuntanza dixo que non quería lastros, hainos por esixencia da empresa que realiza as obras. Cando se negociaron os planos foi unha das condicións que puxeron, se cadra por abaratar custos. O Concello di que o lastro pode quedar perfectamente. Xa lles comentamos que no barrio temos escoitado moito iso do lastro ben posto pero que nunca o vimos nas nosas rúas. En todo caso, xusto onde se están poñendo hai unha enorme pendente van resultar algo esvaradizos.

Advírtese que na zona do cruce coa Angustia, hai xa verduxe nalgunha pedra e que a beirarrúa impar é moi incomoda para a xente con problemas de mobilidade.

Sobre Avda Lugo/ Rodriguez de Viguri.

Mentres o Concello non a reciba, é unha obra da Xunta e non teñen mais información. Non saben cando rematará nin o que falta.

Solicítase que se reforce o mantemento e limpeza do ascensor de Triacastela. Van pasar nota ao departamento correspondente -que non se sabe cal é-

Pídese por parte de representantes do sector comercial e pola Xuntanza que poñan papeleiras e bancos na Rúa de San Pedro e Concheiros, xa que se retiraron e xera moito lixo na rúa.

Sobre o estacionamento de Altiboia

O concelleiro indica que están decepcionados co pouco uso da zona verde e con que a xente non respecte as zonas verdes (coches saíndo do aparcadoiro pola zona axardinada). Dende A Xuntanza volvemos a insistir que Altiboia nunca foi unha alternativa real para o barrio é que Rodríguez de Viguri non forma parte da zona 3 polo que residentes desa rúa non teñen dispoñibilidade da zona verde de Altiboia, e agora están vendo o resultado da desaparición de estacionamentos na rúa e non dispoñen de espazo en Altiboia.

Proponse dende a Xuntanza a necesidade de bolsas de estacionamento na Avda. Lugo: coméntaselles que hai que restaurar a zona de carga e descarga na Avda. de Lugo e poñer en aparcamento nocturno para residentes do lado da Cruz Vermella para fomentar a rotación.  A zona verde é cousa da Concellería de Mobilidade; remítennos a eles para a modificación da ordenanza de residentes.

En resumo:

– Non falan moito entre eles

– Non cumpren o prometido

– Haberá mais retraso, esta vez por razóns alleas ao concello pero non hai plan para aliviar o problema que supón.

– Non entenden que esteamos mosqueados/as.

En fin, mais do de sempre.

P.S. Temos pendente unha reunión no Departamento de Mobilidade (esta semana) para revisar estas e outras cousas.

24. Setembro 2021 · Comentarios desactivados en Actividades curso 21-22 · Categories: Uncategorized · Tags:

Amigas e amigos,

Unha vez superada a fase máis complexa da pandemia retomamos a nosa intención de ofrecer ao barrio espazos de encontro e lecer, sempre dentro das pautas de seguridade e das nosas posibilidades. Presentamosvos hoxe a nosa proposta de actividades que serán menos que as do mundo prepandemia pero así ten que ser polo de agora e todas terán que facerse seguindo os protocolos da COVID-19.

Si, queremos que os grupos e as aulas sexan espazos tranquilos e seguros así que se respectarán a etiqueta social destes tempos (distancia, mans e máscara); por suposto, os grupos serán reducidos e non se poderá compartir material (esterillas, por exemplo). De feito, dentro das marxes de dispoñibilidade do local e se as persoas participantes concordan poderá haber axustes nos horarios para abrir novos grupos de tamaño máis reducido.

Todo este dispositivo será posible polo compromiso das monitoras e monitores, que se encargarán de manter o protocolo; e co esforzo económico da Asociación e persoas usuarias pois será necesario desinfectar o local todos os días e aínda non está claro que o Concello vaia a axudarnos nisto. O ano pasado, agardamos en balde a axuda municipal e non chegou, nin en locais nin en limpeza nin en materiais básicos como os desinfectantes. Pedimos, polo tanto, o mesmo compromiso ás persoas usuarias e o respecto ás pautas de seguridade. Como en todo este suceso que vivimos, a clave é a responsabilidade individual.

Confiando que seremos quen entre uns e outras de tecer unha certa normalidade segura, establecemos un procedemento de preinscrición para poder establecer grupos e aforos, que remata o día 27 de setembro.

O programa é:

  • Baile Galego: Martes 19:30 a 20:30 h (Iniciación); 20:30 a 21:30 h. (Nivel I); 21:30 a 22:30 h. (Nivel Il).
    • Prezo a repartir entre cada grupo (12-15 €). Monitora: Felisa Segade.
  • Baile en liña: Venres de 19:00 a 20:00 h.
    • Prezo: 15 €/mes. Monitora: Miriam Martínez
  • Pandeireta e canto: Mércores 19:30 a 20:30 h (Iniciación); 20:30 a 21:50 h (Intermedio).
    • Prezo: 28 €/mes. Monitora: Jara Ortiz
  • Gaita: Xoves 20:00-23:00h
    • Prezo: 20 €/mes. Monitor: Marcos Varela.
  • Guitarra: Luns 15:00 h a 20:30 h.
    • Prezo a repartir entre cada grupo. Monitor: Xavier Mugardos
  • Teatro: Luns 20:00 a 23:00 h.
    • Prezo: 18 €/mes. Monitor: Xurxo Barcala
  • Pilates: Xoves 10:30h-12h.; Martes 17:00h e 18:30h.
    • Prezo: 27€/mes. Monitora: Maite Pereira
  • Ioga: Martes e Xoves 20.00h a 21.30h.
    • Prezo: 40€/mes. Monitora: Maite Pereira
  • Obradoiro de Iniciación á Marcha Nórdica: 2 horas un sábado pola mañá a decidir polo grupo.
    • Monitor: Ricardo Angueira. Prezo 25 €
  • Obradoiro de Perfeccionamento en Marcha Nórdica: 2 horas un sábado pola mañá a decidir polo grupo.
    • Monitor: Ricardo Angueira. Prezo 25 €
  • Camiñamos/Corremos Xuntas: Actividade autoxestionada para facer deporte desde o barrio.

Vistas as dificultades para levar a cabo actividades deportivas en espazos pechados propoñemosvos a conformación de 2 grupos en Facebook que sirvan para animarnos a sair a camiñar e correr, entendendo que en grupo (sempre coa distancia e máscara) é máis doado e seguro sair. As persoas interesadas cubrirán o formulario, para nós poder ter unha orientación e poñer en marcha a actividade.

Na medida do posible é a nosa intención desenvolver outras actividades que terán carácter puntual (unha tarde/unha mañá) que serán anunciadas no seu momento. A idea é ofrecer eses espazos seguros de lecer e convivencia e ao tempo ir aproveitando os recursos de proximidade e as posibilidades que a pandemia e a meteoroloxía ofrezan en cada momento. Se tendes ideas ou propostas, facédenolas chegar.

Resumindo, para facer a preinscrición, cubre os teus datos neste formulario antes do día 27.
Prezos: Socios e socias: Gratuíta
Persoas non asociadas: 10€
Tod@s usuari@s: 2€/mes para gastos derivados do local

As clases comezan o día 4 de outubro

26. Xullo 2021 · Comentarios desactivados en Comunicado sobre a reunión da semana pasada no Concello · Categories: Uncategorized

Concheiros de noite

Como lembraredes, a xunta directiva solicitou unha reunión con alcaldía para trasladar, unha vez mais, as inquedanzas constantes respecto da obra da rúa Concheiros; queríamos manifestar o noso malestar non só co estado da obra senón tamén sobre os traballos, a calidade, a seguridade e, sobre todo, polo incumprimento dos acordos negociados co Sr. Bugallo persoalmente, antes de iniciar a obra, sobre o acabado final (equilibrio de beirarrúas, pavimentos de formigón, aparcamento Triacastela, árbores de baixo porte e plans para reducir o impacto no sector comercial e hostalaría no noso barrio).

Non temos palabras para describir o sentimento de desamparo e decepción que nos deixou a reunión do luns día 19 de Xullo: un concelleiro no que non se pode confiar nin como persoa nin como cargo público, un equipo que deu explicacións que agora se ve que eran medias verdades (por exemplo sobre o asfalto nas beirarrúas), un departamento de mobilidade que a estas alturas sigue sen ser quen de organizar o tráfico de xeito operativo no barrio (propios e parasitos) e non fala do futuro, uns técnicos que fan o que lles mandan; un alcalde que ten un xeito antigo de entender a gobernanza resignado aos efectos secundarios da turistización en barrios como o noso (“si, é moi triste todo iso”) e deslexitimando a nosa representatividade, negando o noso coñecemento e experiencia no barrio.

Saimos sen compromiso sobre: datas de finalización (abrir a rúa ao tráfico en setembro non é rematar os traballos por moito que o concelleiro repita como mantra), axudas ao comercio, plan de mobilidade na contorna para os meses que quedan e para o futuro, plan para que as novas beirarrúas non se convertan en terrazas, avaliación do impacto comercial da nova mobilidade (rotondas na zona Rodriguez de Viguri- Avda de Lugo), mellora da seguridade para peóns durante o tempo que reste da obra, estacionamento de Triacastela e alternativas de estacionamento para o barrio…

Nós non sabemos de moitas cousas pero é evidente que dende o Concello están amosando non saber planificar unha intervención deste calado así como non ter unha previsión do impacto que unha obra destas características vai ter na vida do barrio (ausencia de estudos, informes e plans previos). E así, a apertura da obra dará inicio a outros problemas para os que non hai ideas nin propostas.

O que nos quedou claro: tendes a razón en moitas cousas, pero da igual; o que falamos das beirarrúas nada, vai asfalto; non representades a ninguén; sobre os acabados e como vai quedar a rúa, xa veremos; da seguridade, somos esaxeradas; da mobilidade (hoxe e no futuro), xa veremos…

Pedimos tamén que se ofreza a cidadanía un horizonte en positivo na forma de deseños sobre como vai quedar, plans de axudas… algo que nos permita mirar positivamente todo este proceso. E que se mellore a comunicación, xa que non é obriga da Xuntanza informar á xente ou facer de recadeira (e menos para un equipo que constantemente nos ningunea e deslexitima como representantes das nosas socias e socios). Pola conta que lles ten (eles son os mais prexudicados polo mal rollo), tomaron nota, pero non temos moita expectativa de cambio.

Como non se falou o proxecto con calma coa xente do barrio, xurdiron “sorpresas” que delatan os precarios estudos feitos con anterioridade. Unha das consecuencias é que a zona entre Triacastela e o Bar Rey quedará como está actualmente (precintada e apuntalada) 😮

Da Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri (zona urbana, lembramos): non saben/non contestan sobre os cambios deseñados dende a Xunta.

En fin, falar falamos pero diálogo non foi e moito menos escoita activa e vontade de integrar a participación veciñal.

A reflexión que nós facemos do momento actual é:

  • Entendemos sempre que este proxecto non era o que precisaba esta rúa e barrio e así o deixamos claro dende o minuto cero; con todo, aceptamos para que a cidade aproveitara un investimento da Xunta, a cambio de certas condicións negociadas polo Sr. Bugallo que non están a levar a cabo.
  •  Sen medidas que atenúen o impacto, o proxecto pode afondar na turistización do barrio, destrución do tecido comercial, carestía na vivenda e progresivo abandono cara outras zonas máis amables. Ese é o noso medo pero non observamos esa sensibilidade, medidas para minimizalo ou intencións de cambio por parte do goberno municipal.
  • O nivel de execución, a calidade e a seguridade na obra son claramente insatisfactorios. Temos a sensación de que haberá problemas máis pronto que tarde; ninguén ofrece seguridades ou garantías dos resultados.
  •  No mes de Agosto tiñan que estar rematados os traballos pero aínda non sabemos cal vai ser o resultado “final”, non hai proxecto definitivo para facilitar á veciñanza.
  • Non cren (ou eso dín) que haxa tanto malestar como dicimos coas obras e o seu desenvolvemento.

Si, nada ten sentido. Xa o dixo o Sr. Alcalde nesa reunión: “nunca nunha obra opinou tanta xente sabia“. O triste é que, menos a veciñanza, moitas cabezas pensantes falaron pero a nós non nos fixeron nin caso.

Vistas as cousas, pedimosvos que fagades chegar tamén ao concelleiro correspondente as vosas dúbidas, queixas e propostas. Nós seguiremos facendo o noso traballo e recibindo as vosas inquedanzas, preguntas e malestar pero igual é conveniente que as cousas cheguen por dous lados para que sexan correctamente atendidas. Tendes os datos nos papeis pegados na caseta informativa e o email dos concelleiros responsables do caos no que vivimos (obras, mobilidade) na web (http://www.santiagodecompostela.gal/casa_concello/interior.php?txt=cc_concellarias&lg=gal).

Da obra da Xunta na Avda de Lugo/Rz de Viguri, nin contacto temos para pasar recados. Todos van a través do Concello e das redes sociais (conselleira Ethel Vázquez e Consellería de Infraestruturas). En todo caso, lembramosvos que o plan era inauguralas antes de fin de xullo.

Ante este desastre,  desde a Xunta Directiva queremos propoñer un camiño en positivo e seguir a traballar na recuperación da nosa vida veciñal apoiando ao noso tecido comercial, gravemente danado por este despropósito. Ese continúa sendo o noso obxectivo.

Saúdos veciñais

20. Setembro 2019 · Comentarios desactivados en Actividades para o curso 2019-2020 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

Benqueridas amigas e amigos

Un ano máis tendes aquí a nosa oferta de actividades para o curso que comeza.

Como veredes, os cursos e obradoiros son os de sempre aínda que algún ten novo horario.

Como os últimos anos haberá un periódo de matrícula, que será a semana que ven (do 23 ao 27 de setembro) de 19 a 21h no noso local.

A inscrición será gratuita para socios e socias ao día do pago da cuota; quen non a  teña pagada pode facelo alí. Para persoas non socias, a inscrición será de 10 euros.

Aínda que o local ven de incorporarse á Rede de Centros Socioculturais e o Concello asume boa parte dos gastos, quedan aínda algunhas cousas que teremos que afrontar como asociación, asi que manteremos a achega de 2€ por persoa e actividade para este fin.

 Comezamos as actividades o día 1 de outubro

E aqui tendes a nosa oferta:

1.- BAILE GALEGO: Martes de 19:30 a 20:30 horas* (Iniciación) / de 20:30 a 21:30 horas* / de 21:30 a 22:30 horas*

Monitora: Felisa Segade *Prezo a repartir entre cada grupo (arrededor de 12 €)

2.- CORTE E CONFECCIÓN / Arranxos de roupa: Xoves de 18:00 a 20:00 horas – 30 €/mes.

Monitora: Susa Garcia

3.- PANDEIRETA E CANTO: Venres de 18:00 a 19.00h (Iniciación), de 19:00 a 20:00 horas (Nivel I), de 20:00 a 21:00 horas (Nível II) – 28 €/mes.

Monitora: Jara Ortiz

4.- GAITA: Xoves de 20:30 a 22:15 horas – 18 €/mes.

Monitor: Marcos Varela

5.- IOGA: Luns de 19:00 a 20:30 horas – 19 €/mes.

Luns e Mércores de 10:00 a 11.30h- 105 €/trimestre

Monitora: Maite Pereira

6.- PILATES: Luns e Mércores de 18:00 a 19:00 horas – 24 €/mes.

Monitora: Maite Pereira

7.- GUITARRA: Luns de 15:30 horas a 20:30 horas *Prezo a repartir entre cada grupo.

Monitor: Xavier Mugardos

8.- TEATRO: Luns de 21:00 a 22.30 horas – 18 €/mes.

Monitor: Xurxo Barcala

9.- SWING: Martes de 18:30 a 19:30 horas – 30 €/mes.

Monitora: Isabel Pastor

10.- BAILE EN LIÑA: Venres de 18:00 a 19:00 horas – 10 €/mes.

Monitora: Miriam Martínez

11.- MEDITACION TRANSCENDENTAL: Xoves de 19:00 a 20:30 horas

Monitora: Zinnia Maravell (COMEZA O DÍA 24)

12.- XIMNASIA PARA MAIORES: Luns de 10:00 a 11:00 horas

Mércores de 11.30 a 12.30 horas 20 €/mes

Monitor: Antonio

10. Maio 2019 · Comentarios desactivados en A REFORMA DE CONCHEIROS… (III): A ROTONDA E O EIXO RODRÍGUEZ DE VIGURI – AVDA DE LUGO · Categories: O Barrio, Uncategorized

No Capítulo anterior:

  • A Xunta de Galicia ten un plan para “embelecer” os Camiños de Santiago, incluído a parte que está no noso barrio.
  • Ten preparado un avance de proxecto que inclúe a reforma da Cruz de San Pedro-Concheiros-Rodríguez de Viguri e Avda. de Lugo.
  • Houbo dúas reunións abertas á veciñanza na que se explicou (sen entregar papeis) o que se quere facer.
  • Nas dúas reunións pedironse achegas concretas:
    • Estudo de mobilidade, para saber como vai quedar o tráfico peonil e de coches e o seu impacto no resto das rúas do barrio.
    • Estudo do impacto que vai ter este proxecto no comercio da rúas Concheiros e San Pedro, agora durante a obra e despois, pois non queremos que se ince de albergues, tendas de souvenires e bares con terrazas.
    • Plano concreto e detallado do que se vai facer: se van mudar todos os servizos ou non, acabados, mobiliario urbano…
    • Dado que desaparecerá mais da metade do aparcamento de Concheiros e outro tanto ou mais en Rodríguez de Viguri, que se fagan antes da obra os aparcamentos de Triacastela e Altiboia
  • A día de hoxe non houbo resposta afirmativa a estas peticións por parte da Xunta -que é quen paga boa parte dos custes-, nin do Concello -que teima en que deamos o visto bó a un proxecto que non da garantías de futuro ao barrio nin resposta ás demandas-, que quere que a reforma custe o menos posible para as arcas municipais. Se é necesario executando unha obra que non se considera axeitada.

A PROPOSTA PARA O EIXO AVDA. DE LUGO-RODRÍGUEZ DE VIGURI

Antecedentes:

  • Este conxunto de vías formou parte da circunvalación da cidade pero foi perdendo este carácter. Non obstante, continua sendo utilizada como tal sobre todo para conectar o Ensanche cos barrios urbanos do Norte (Vite, Cancelas, Almáciga, San Pedro) pois sair a SC-20 supón prolongar substancialmente os percorridos.
  • O punto crítico deste eixo é a chamada rotonda de Concheiros, onde se cruza co Camiño Francés.
  • A zona da Avda de Lugo ten unha crecente relevancia na conexión do barrio das Fontiñas e Viso co centro urbano e o barrio de San Pedro, aínda que o numeroso tráfico fai dificil a transición entre zonas.
  • Rodríguez de Viguri é simplemente unha rúa abandonada, a medio camiño entre unha estrada e unha rúa.
  • En todo o percorrido hai numerosos negocios que dependen dun bo acceso por coche a eles; son establecementos que dan servizo á zona e á cidade e que xurden aproveitando a existencia de locais de gran tamaño, o bo acceso das rúas e o seu carácter medianamente central na cidade (talleres, comercios).
  • Desde o punto de vista do Barrio de San Pedro debe analizarse este eixo en función de:
    • Presenza no barrio de 3 centros escolares, máis outro (Lasalle, que se sirve da rúa de nós para acceder)
    • Presenza en Fontiñas do Centro de Saude, na entrada da rua Londres inmediato ao ascensor de Triacastela.
    • A rotonda de Concheiros é a via principal de acceso ao barrio e a única con capacidade de absorver un certo volume (tanto en número como en tamaño) de vehículos.
    • O comercio de Concheiros e do eixo Rodríguez de Viguri-Avda de Lugo é altamente dependente de clientes procedentes tanto de Fontiñas como das parroquias do NE (San Lázaro, San Marcos), que usa a cotío o coche. Non se trata de primar a presenza dos vehículos pero si de pensar neses negocios.
  • Non está clara neste momento a reorganización do servizo de transporte público da cidade. En teoría fará da Avda de Lugo-Rodriguez de Viguri un eixo de mobilidade rápida, aproveitando a súa potencialidade.

A proposta

Nas reunións mantidas polos técnicos e o concelleiro coa veciñanza explicáronse os obxectivos da intervención, aínda que non se aclarou como van acadalos, máis alá de facendo unha obra. Novamente estamos ante un documento base ou de partida, no que quedan moitas cousas por decidir.

O plan sería solucionar o conflito que segundo eles hai na rotonda de Concheiros, xa que os peregrinos confundense ao non ter claro o camiño a seguir. Queren aproveitar a solución deste suposto problema para “embelecer” a zona, de xeito que a vista de entrada á cidade sexa máis placenteira.

Isto conseguiríase:

  • Facendo desaparecer a rotonda de Concheiros, que pasaría a ser unha plataforma sobreelevada (como a de Montero Ríos) na que pasarían os peregrinos e peóns nun cruzamento ordenado por semáforos.
  • Convertendo Rodríguez de Viguri e a Avda de Lugo en boulevares con tráfico máis calmado.
  • Construíndo dúas novas rotondas para facilitar os xiros que quedarían eliminados pola pasarela de peregrinos dos Concheiros: unha á altura do Conservatorio e outra á altura da Rúa de Londres.

Imos por partes (marcamos noutra cor a nosa opinión):

  • A rotonda de Concheiros

É evidente que é un pouco caótica pero seguramente máis pola súa configuración anticuada; é o acceso principal aos barrios de Fontiñas e San Pedro. A proposta consiste en facer desaparecer o que hai e substituilo por un paso como o de Montero Ríos, no que os peóns van poder pasar en calquera dirección. Os coches só terán permitidos algúns xiros e sempre regulados por semáforos.

Xa se verá -porque queda ao albedrío dos funcionarios de Tráfico- como será a configuración final pero si sabemos que a saída e entrada dos coches a/desde Concheiros vai ter que facerse a través das novas rotondas e non de xeito directo.

Isto é que para ir a San Lázaro haberá que ir á rotonda da rúa Londres e para entrar vindo desde o Ensanche haberá que ir dar a volta á do Conservatorio.

Aínda comprendendo a necesidade de mellorar a mobilidade peonil e de coches, esta solución supón -desde a nosa perspectiva- pechar o barrio. Descoñecemos -por non terse feito un estudo- o impacto desta idea tanto no comercio da zona como no conxunto da nosa mobilidade: escaparán os coches polas Fraguas para sair directamente á rotonda de abaixo? Ou pola rúa do Home Santo para incorporarse á de arriba? Teremos coches dando voltas pola Costa do Vedor para aparcar en Concheiros?.

Explicousenos que se avaliou a posibilidade de soterrar os coches ou soterrar o Camiño e que as propostas foran descartadas por razons estéticas e porque impedirían que o novo edificio da Xunta tivera unha saída despexada na rotonda do Conservatorio (isto non o dixeron así pero é evidente) pero ninguén aclarou porque non é suficiente facer un bo paso peonil e unha única rotonda mais grande e algo máis abaixo da actual.

Non se nos describiu con claridade a disposición dese novo espazo, máis alá da súa preferencia peonil e do compromiso de que será flexible e que se o formato non vale, poderá mudarse.

Non obstante, algún dos técnicos comentou que levaría árbores e nos planos filtrados á prensa (a nós non nos deron nada) parece que si, que haberá árbores no que hoxe é a rotonda, seguindo a liña do Camiño. É dicir que os peregrinos camiñarían de Fonte dos Concheiros a Concheiros por un espazo aarborado. Non vemos como unha plataforma elevada con árbores, semáforos, farolas etc pode ser flexible e mudar a súa configuración con facilidade se o plan previsto non funciona; definitivamente parte en dous a circulación e conexión entre Rodríguez de Viguri e a Avda de Lugo.

Dado que leva anos mudar a frecuencia dun semáforo calquera ou que se sinalice correctamente case calquera cousa (véxase a Rúa de San Pedro), isto é inaceptable para nós. Queremos unha solución viable e razoable xa desde o principio pois pasará moito tempo antes de poder mudar nada.

E con isto voltamos ao inicio: é necesario facer un estudo da mobilidade no conxunto da zona antes de facer nada. Non nos valen modelos automatizados que só estudan o tráfico no eixo Avda Lugo-Rodriguez de Viguri, que é o que se presentou e omiten que Concheiros é a nosa saída e entrada natural.

  • A Avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri

Quedarían configuradas como avenidas urbanas perdendo ese aire de circunvalación que aínda teñen. Sería pouca obra, en termos de proxecto, pero o cambio no aspecto será importante e contribuirá notablemente a mellorar a percepción da zona.

Con todo, non se resolven os problemas plantexados na anterior reunión e que afectan sobre todo á mobilidade:

  • Non se presentou un proxecto nin concreto nin básico para esta intervención máis alá do asunto das rotondas.A reforma de Rodríguez de Viguri vai ser importante e a veciñanza debería coñecela polo menos superficialmente antes de nada. Debería saber como vai quedar, cando vai ser, canto tempo…
  • Na Avda de Lugo vaise conservar a estrutura actual, da calzada central e carril de servizo e as árbores. Ademais de mudar o final (na actual rotonda de Concheiros), vaise levantar unha mediana para separar os dous sentidos coa fin de calmar un pouco a velocidade dos coches e se vai construir unha rotonda á altura da rúa Londres. Ese tráfico de coches máis calmado tería como finalidade facer máis permeable a comunicación entre un lado e outro da avenida.

Parecenos ben acertado o obxectivo de calmar o tráfico e de dar a esta zona un aire máis urbano e menos de estrada provincial.

Non temos claro, pola contra, o impacto no comercio da zona e na súa accesibilidade en coche (moi importante). Máis alá disto nos preocupa que o eixo de transito peonil Concheiros-Centro de Saude (e barrio de Fontiñas) pola rúa Triacastela, que xa é hoxe fundamental, quede condicionada na súa posición e na súa seguridade por esa rotonda.

Hoxe os coches chegan a ese cruzamento Avda de Lugo-Londres a través dun semáforo e aínda así moitas veces veñen a velocidades inadecuadas que obrigan aos peóns a unha continua vixilancia para non arriscar máis do necesario. Que pasará cando o encontro peóns-coches sexa ao sair dunha rotonda? Non o vemos claro, pero tampouco se nos deron explicacións e garantías.

Queremos lembrar que vimos de gastar moito diñeiro nun ascensor para mellorar ese corredor peonil que nos leva ao Centro de Saúde, ao Instituto, ao Multiusos, ao Colexio de Fontiñas…

  • En Rodríguez de Viguri a filosofía sería semellante, ampliando as beirarrúas, creando unha mediana central e unha rotonda á altura da estación de autobuses. Desaparecería unha boa parte do aparcamento.Concordamos na necesidade e inspiración deste concepto pero botamos en falta un proxecto que nos diga como vai quedar, se vai a haber substitución de servizos (saneamento, auga…) ou se estamos falando dunha intervención cosmética.Tamén nos gustaría (porque levamos 4 anos pedindo información) saber cal é o proxecto para esta zona unha vez desapareza a estación de autobuses. O entronque de Rodríguez de Viguri con Home Santo vai ser como agora? Non? Como vai a afectar iso á xente da zona? O novo proxecto da Xunta vai pensar onde meter os coches ou van ocupar as nosas prazas? Vai servir para que a parte alta da rúa deixe de ser unha especie de descampado ou vai integrarse na zona e mellorar a percepción da rúa?
  • Esas prazas de aparcamento que desaparecerán en Rodríguez de Viguri se compensarían co espazo destinado a este fin na rúa da Altiboia. O aparcamento -previsto desde 2015- segue sen facerse. De se aprobar os orzamentos do Concello para este ano 2019 comezaría a facerse, en caso contrario haberá que agardar a 2020. Non está claro o seu uso. Non nos vale un megaaparcamento que vai a estar ateigado de coches da Xunta desde as 8 da mañá ou de xente do Conservatorio polas tardes; nós necesitamos prazas dispoñibles para residentes e negocios da zona.

Sen urxencia pero sen despistarnos, quereríamos ver tamén o proxecto deste aparcamento. A proposta presentada en 2015 tiña algunhas deficiencias desde o punto de vista do barrio de San Pedro que conviría subsanar.

  • As rotondas da rúa Londres e da rúa Monte dos Postes

Ao desaparecer a de Concheiros estes fitos emerxen como reguladores principais da mobilidade dos coches na zona. Convén lembrar que cando falamos de coches hai que entender: coches da xente que vive e traballa en San Pedro, da que ven ao barrio a visitar, a comprar ou aos nosos recursos (colexios, equipamentos culturais), da que da soporte á nosa vida (servizos), pero tamén do transporte público e mesmo servizos de emerxencia (ambulancias e bombeiros camiño á nosa zona e a unha parte do centro histórico).

É un nudo fundamental de entrada e saida do barrio e a nosa función como Asociación Veciñal é preservar a funcionalidade e usabilidade. Pode que teña que desaparecer pero entendemos como evidente que as rotondas que a substituan deben dar o mesmo servizo.

Insistimos: ninguén nos explicou porque se desbotou unha rotonda normalizada nese mesmo cruzamento. Ninguén presentou un estudo de mobilidade da zona, só vimos unha modelización do ben que funcionaría o eixo Avda Lugo-Rodríguez de Viguri con esas novas rotondas.

Seguimos pensando que a mobilidade do barrio merece que alguén -a poder ser independente da Xunta- estude rigorosamente esta idea.

  • A rotonda da rúa Londres pasaría a ser o acceso principal do Barrio de Fontiñas e para a veciñanza de San Pedro que saia por Concheiros sería o punto de xiro para ir cara San Lázaro ou San Caetano.

Como xa dixemos, desde o noso punto de vista, este emprazamento debe estudarse con moito coidado pola súa posible interferencia co cruzamento peonil que da servizo ao Centro de Saude e á rúa Triacastela.

Ademais de descargar o cruzamento de Concheiros, non vemos outra razón a isto, que cargaría de coches a rúa Londres -que hoxe é de tráfico calmado-, aínda que diso debería opinar a veciñanza daquela zona.

  • A rotonda de Rodríguez de Viguri nace no mesmo contexto.

Botamos de menos que se nos explique a futura configuración desta zona cando desapareza a estación de autobuses porque o cambio vai ser importante tanto polo peso do tráfico de coches como o de persoas. Esta rotonda ten que dar servizo a iso tamén.

Non sabemos se vai a haber intervención no tramo final da rúa do Home Santo, no seu entronque con esta rotonda.

Non sabemos como vai a afectar á rúa Home Santo, hoxe de tráfico calmado e estreita: irán os coches de Concheiros por alí para entroncar directamente coa rotonda? De cantos coches estamos falando?

Como garantimos que a certas horas (saidas Xunta, Conservatorio) esa saída por Home Santo non vai quedar bloqueada?

Parece que quere usarse para potenciar o uso da rúa Monte dos Postes. Alguén debería mirar iso.

  • O transporte público

É fundamental nun barrio que ten preferencia pola mobilidade peonil e que, como o resto da cidade, está crecentemente envellecido; sen esquecer que unha parte do barrio da Almáciga e da zona do Monte dos Postes sírvese a través de nós.

Sabemos que o novo mapa de liñas de transporte público está pendente da licitación do servizo. Máis alá da situación das paradas -que por certo non se nos explicou para esta zona-, sabemos como vai a afectar esta configuración ás liñas? Por poñer uns casos:

    • A liña 0 (pola que levamos 10 anos loitando) vai sair de Quiroga Palacios para subir á rotonda de arriba para baixar a Concheiros?
    • A liña 11 vai sair pola rúa Berlin e darnos servizo á altura dos xulgados? Terá que subir a aquela rotonda e logo baixar.
    • O resto das liñas? Terán que subir para logo baixar. Pensamos que co tempo acabarán desaparecendo os servizos que temos e ninguén nos deu razón de todo isto nin o seu impacto na nosa vida e negocios.

Esta parte do proxecto presenta desde o noso punto de vista cousas moi boas pero outras que son claramente negativas. A sensación predominante é a da dúbida e a incerteza. Unha vez máis hai demasiadas preguntas sen resposta, demasiadas cousas que quedan para que o futuro as resolva.

Falamos da mobilidade peonil e de coches que é un elemento básico do barrio e da súa vida actual e futura pois unha configuración errada resultará en incomodidades para a xente, dificultades para os negocios e desaparición de servizos.

Por iso queremos que se estude con calma e pensando tamén nas nosas necesidades. Entendemos tamén que a Xunta ten as súas, pois quere mirar polos peregrinos e conectar mellor os seus edificios (San Caetano, San Lázaro e Cidade da Cultura) pero non pode ser que as cousas se fagan a costa do noso barrio e as nosas condicións de vida.

Dado que os intereses son encontrados, queremos un estudo técnico de mobilidade -independente da Xunta- e participado polo Concello e pola veciñanza onde se procure dar solución a todas as necesidades, as súas e as nosas. E unha avaliación do impacto de todo isto no noso comercio.

Non podemos, con honestidade, concordar cunha intervención que hoxe ten demasiadas preguntas sen resposta e na que os elementos básicos quedan sen resolver á boa vontade e acerto de técnicos que, como ben se ve, non teñen claras as necesidades do noso barrio.

11. Maio 2018 · Comentarios desactivados en O 26 de maio, Mercado do Caracol · Categories: Uncategorized

Trae a túa casa ás costas ao Mercado do Caracol

Pensamos que estes tempos complicados son perfectos para simplificar as nosas vidas, para interiorizar a práctica dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para ser máis solidari@s.

Lembras esa cafeteira en perfecto estado que esmorece nun armario da túa casa? Esa lámpada que realmente nunca conseguiches encaixar na túa sala? E aqueles patíns tan lindos? A bici estatica-percheiro?… Fai inventario, simplifica a túa vida e trae contigo todas esas cousas pois aqui poderás vendelas, trocalas ou mesmo regalalas.

Soñas con renovar a túa mesiña de noite cunha lámpada resultona e eficiente? Gustaríache equipar mellor a túa cociña? Tes grandes proxectos para este curso e precisas accesorios deportivos?… Este é a túa oportunidade.

Que algunha das túas trapalladas é grande? Trae a unha foto e poderás atopar quen o necesite.

Buscas… pero non sabes moi ben que? Leva a túa lista, porque nas nosas casas hai moitas cousas durmindo polas esquinas que mellor estarían noutro fogar.

 … e aínda poderás redescubrir unha zona do barrio e os seus establecementos comerciais. É o día perfecto para facer compras nos negocios desta rúa ou para tomar un bó almorzo

 A cita é o sábado 26 de maio na Rúa do Home Santo, das 11 ás 14h.

 Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións. O mail para anotarse é axuntanza01@gmail.com

Nota: Haberá un espazo informativo da actividade da Xuntanza e do Prestogal.

 

 

01. Outubro 2016 · Comentarios desactivados en PROGRAMA DE ACTIVIDADES 2016-17 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

AÍNDA QUEDAN PRAZAS!!

Un ano máis presentamosvos a nosa oferta de actividades para o curso que comeza. Temos propostas tradicionais como baile, corte e confección ou pandeireta pero tamén novas ideas como Scrapbooking (personalizar cadernos e albumes), zumba, pintura creativa e danza fusión oriental ou mesmo un obradoiro trimestral para construir a vosa xenealoxía e historia familiar. Non diredes que non hai de sobra e variado!

Os cursos comezarán o 3 de outubro.

Como sempre, cada actividade ten o seu precio, ao que haberá que engadir os 2 € de achega para axudar nos gastos do local (si, seguimos traballando para que volva á Rede de CSC e o Concello se faga cargo).

Hai que matricularse durante a semana que ven e para isto estaremos no noso local de 19 a 21h. Esta matrícula é gratuita para os socios e socias que estean ao día no pago das cotas, para o resto custa 10 €.

Aquí tendes:
1.- BAILE GALEGO Martes de 20:00 a 21:00 horas* (Iniciación) / de 21:00 a 22:00 horas* / de 22:00 a 23:00 horas*
Monitora: Felisa Segade    *Prezo a repartir entre cada grupo.

2.- CANTO Luns de 10:00 – 13:00 horas. Clases individuais.
Monitora: Paulina Ceremuzynska.

3.- CERÁMICA Mércores de 19:00 a 20:30 horas – 27 €/mes.
Monitora: Juana

4.- GUITARRA Luns de 15:30 a 19:30 horas. *Prezo a repartir entre cada grupo
Monitor: Xavier Mugardos

5.- CORTE E CONFECCIÓN / Arranxos de roupa Martes de 18:00 a 20:00 horas.  Xoves de 18:00 a 20:00 horas – 30 €/mes.
Monitora: Susa Garcia

6.- GAITA Xoves de 20:30 a 22:30 horas – 18 €/mes.
Monitor: Marcos Varela

7.- PINTURA CREATIVA Venres de 18:00 a 19:30 horas – 35 €/mes (inclúe materiais)
Monitora: Isabel

8.- IOGA Luns de 19:00 a 20:30 horas – 17 €/mes.
Monitora: Maite

9.- PILATES Luns e Mércores de 9:00 a 10:00 horas, e de 18:00 a 19:00 horas – 22 €/mes.  Sábados de 10:00 a 11.00 horas – 10 €/mes.
Monitora: Maite

10.- LINGUA DE SIGNOS: (Básico-I) Xoves de 20:00 a 21:30 horas.
Monitora: Galensigna

11.- PANDEIRETA E CANTO Venres de 18:00 a 19h (Nível I), de 19:00 a 20:00 horas (Nivel II), de 20:00 a 21:00 horas (Nível III) – 28 €/ mes.
Monitora: Jara

12.- TEATRO Luns de 21:00 a 23:00 horas – 18 €/mes.
Monitora: Beatriz Bravo

13.- COIRO (Iniciación)   Luns de 20:00 a 21:30h – 30 €/mes.
Monitor: Fer

14.- TAMBORIL – Percusion tradicional Martes de 20:30 a 22:00 horas – 25 €/mes.
Monitora: Arantxa  Esta actividade, impartirase no Centro Sociocultural da Trisca.
.
15.- NOVA XOIERÍA  Mércores  de 18:00 a 19:00 horas – 28 €/mes.
Monitora: Juana

16.- ZUMBA Mércores de 21:00 h. – 22:00 h. – 20 €/mes.
Monitora: Pilar

17.- SCRAPBOOKING Mércores de 20:00 h. – 21:30 h. – 25 €/mes.
Monitora: Lucía (Dulces y Saladas)

18.- DANZA FUSION ORIENTAL Martes de 18:30 a 19:30 horas – 15 €/mes.
Monitora: Maika

19.- MEDITACION TRANSCENDENTAL Xoves de 19:00 a 20.30 horas
Monitora: Zinnia Maravell

20.- XENEALOXÍA E HISTORIA FAMILIAR Mércores de 19:00 a 20:00 horas – 20 €/mes (1º Trimestre)
Monitora: Pilar

 

17. Xuño 2016 · Comentarios desactivados en No camiño da pacificación e da seguridade, para o noso barrio · Categories: O Barrio, Uncategorized

Hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou un plan que porá en marcha unha serie de cambios substanciais na mobilidade dentro do barrio. Entre as medidas que se tomarán a partir do 1 de xullo, a máis visible é a peonalización da rúa de San Pedro pero hai outras que a nós parécennos tanto ou máis importantes porque buscan dotar ás rúas adxacentes de maior seguridade e de menor tráfico rodado.

Ben sabedes como a seguridade, a comodidade da veciñanza e a redución do tráfico parásito e axitador no barrio é unha teima nosa desde hai décadas. E non podía ser doutro xeito, xa que vemos todos os días o perigo dos coches na rúa Lagartos, os riscos derivados dos que van embalados pola Calzada de San Pedro e Belvís, as vibracións e ruido que sufren as persoas que viven (e durmen) nas vivendas a nivel de rúa…

Si. Aquí ben sabemos que o problema vai máis alá da Rúa de San Pedro e que é preciso intervir no conxunto do barrio ou, cando menos na contorna inmediata a esa rúa. Por este motivo, acollemos positivamente o novo plan que, aínda que non recolle todas as nosas ambicións (o conxunto do barrio), é un grande paso na dirección axeitada. E tamén nos gusta porque foi negociado e renegociado ata que houbo o acordo que hoxe nos permite avanzar e que permitirá que sexa permanente no tempo; será avaliado e retocado no que non funcione, pero non haberá volta atrás.

Na web do Concello tendes o documento que recolle todo o plan e, resumidos, os cambios principais e planos.

Os máis relevantes son:

  • O plan comeza a funcionar o 1 de xullo e é o principio dunha transición que se quere suave e que busca a pacificación e seguridade das nosas rúas.
  • peonalización da rúa Lagartos e contorna, que quedará só para vehículos autorizados e residentes, de xeito que se elimina o tráfico parásito e perigoso desa rúa e das rúas adxacentes (Chufas, Campo do Forno, etc).
  • Peonalización da rúa de San Pedro, que quedará aberta só aos residentes e vehículos autorizados, carga e descarga no horario correspondente e unha liña de autobús que circulará cada 15/20 minutos. O resto dos buses funcionarán como no tempo das obras tendo parada -agardamos que sinalizada, por fin- en Rodríguez de Viguri preto de Concheiros.
  • Sabendo que unhas persoas viven nunha zona do barrio e teñen o garaxe noutra, que hai negocios con almacéns ben lonxe, etc. insistimos en que o acceso á rúa de San Pedro fose para o conxunto dos residentes da zona 3. Non obstante, é unha concesión provisional e que se avaliará no futuro en función do tráfico que xenere nesas rúas. Queda nas nosas máns usar este dereito de forma xuiciosa así que usadeo con moderación. Se a rúa está ateigada cos nosos coches, non valerá para nada todo isto.
  • Cambio de sentido da Corredoira das Fraguas, que agora sairá a Quiroga Palacios para evitar que, como pasou durante a obra, os coches usen esa zona como vía para ir de Virxe da Cerca a Avda. de Lugo, xerando tráfico innecesario e a velocidades inadecuadas na rúa das Trompas, no Parque e no corredor ata Concheiros. De paso evitaremos a inseguridade no acceso ao colexio Vilas Alborada e a destrución do pavimento da rúa das Fraguas.
  • Estes cambios farán desaparecer algunhas prazas de aparcamento. Por isto e para evitar coches de fóra dando voltas para aparcar, todas as prazas do perímetro Rua do Medio-Calzada de San Pedro-Fraguas serán de residentes24 h zona 3 (o paso, de ser necesario, será pola travesa de San Pedro). Tamén as que hoxe hai na Cruz e rúa de San Pedro que serán de residentes, de noite.
  • Para un mellor aproveitamento do escaso aparcamento e mellor servizo ao comercio haberá cambios nos horarios de carga e descarga da Rúa do Medio e Cruz de San Pedro, pois comezará ás 9 da mañá. Así as prazas poderán usarse tamén de noite.
  • A principios do ano que ven haberá unha reformulación das liñas de autobuses da cidade; incluirá a posta en marcha dunha liña, chamada polo de agora Liña Cero, que será servida por un bus pequeno e eléctrico e reforzará o servizo da zona de Belvís-Quiroga Palacios e pasará tamén pola rúa Betanzos.
  • O control do tráfico da rúa de San Pedro faráse cunha cámara. Poderán acceder á rúa todas as persoas que teñan tarxeta de residente da zona 3; os negocios e residentes que non dispoñan dela poderán tamén pero terán que tramitar unha autorización.
  • Haberá unha reunión informativa o próximo luns as 20h na Casa da Xuventude na que o Concelleiro e o seu equipo explicarán o plan e respostarán calquera dúbida.

Todo isto, como xa se dixo, comezará a funcionar o 1 de xullo. A partir dese día, estará a sinalización, cámara de control, etc. Entraremos na fase 1 dun proceso que estará en construción e que se avaliará constantemente para ir axustando.

Finalmente, non queremos rematar sen facer público o noso agradecemento a todas as persoas que desde as directivas anteriores da nosa asociación fixeron un longo e bravo esforzo para explicar as nosas reivindicacións tanto aos responsables políticos e técnicos como ao resto da cidadanía, por facerlles entender que tráfico non é mobilidade e que o importante son as persoas ou que sen rúas habitables non hai barrio. E tamén aos moitos veciños e veciñas que nos medios de comunicación, nos xantares familiares, tertulias etc., apoiaron o noso traballo nesta liña. Sen ese traballo pedagóxico todo isto non tería sido posible.

É o menos que podemos facer neste día no que comezamos unha nova andaína e sentamos as bases dun futuro diferente, ese no que o barrio é máis seguro e cómodo para todos e todas.

 

14. Decembro 2015 · Comentarios desactivados en Fart@ de tirar paraugas? Esta é a túa oportunidade · Categories: Uncategorized

Nesta terra de moitas choivas e de tantos paraugas rotos e tirados pola rúa ou nos contedores, a xente de Amarante Setem e de Mov3 – Galicia Viste Consciente decidiron pór en práctica un “Obradoiro de upcycling de Paraugas“.

E ¿que é iso de upcycling? Tamém coñecido como supra-reciclaxe, é unha técnica coa que materiais desbotados ou danados son transformados en novos produtos de igual ou maior valor.

Ante tan singular e necesaria proposta, faltounos tempo para ver de organizar un obradoiro no barrio.

E ti, sintes pena por todos eses paraugas que un ano e outro son destrozados por temporais e cicloxéneses? Algunha vez pensaches que debería haber un xeito de reutilizalos? Tes preocupación por esa dinámica infernal de comprar cousas para logo tiralas para comprar outras?

Se é así, esta proposta é para ti. Terás oportunidade de achegarte á problemática do lixo dos produtos téxtiles en Galicia a través dunha dinámica de sensibilización sobre o téxtil de usar e tirar. Aprenderás a facer co teu paraugas roto un bolso empregando máquinas de coser ou manualmente.

Facilitadoras: Sarah Albagli – deseñadora de moda sostible- e Iria Moreira – Educadora Social.

Prezo: 5 €

A cita é este sábado, 19 de decembro, de 10 a 14h no noso local.

Para anotarse o consultar dúbidas: Tel: 605478118/ 986 848 159 ou pontevedra@amarantesetem.org

Que tes que traer: paraugas rotos (se non tes, podemos proporcionalos previo aviso)